Os independentistas saharauís celebraron o aniversario este domingo na zona de Mijek cun desfile militar e con manifestacións civís.
Brasón da RASD
A Fronte Polisario celebrou este domingo o 34 aniversario da súa fundación coincidindo coa perspectiva de negociacións directas con Marrocos para o mes de xuño, baixo a supervisión do enviado da ONU, Peter Van Walsum.
Os independentistas saharauís concentraron os actos -un desfile militar e unha serie de manifestacións civís- na zona de Mijek, territorio liberado do Sáhara Occidental, a 200 quilómetros ao norte da fronteira mauritana e 900 ao sur de Tinduf, onde están instalados os campos de refuxiados.
Mensaxe a Marrocos
O Polisario manifestou nun comunicado que a conmemoración é "unha mensaxe dirixida a Marrocos para que finalice a represión do pobo saharauí" no Aiaún e noutras localidades da antiga colonia española.
O Primeiro ministro da autoproclamada República Arabe Saharauí Democrática, RASD, Abdelkader Taleb Omar, sinalou que o aniversario será tamén a ocasión de "demostrar que o noso combate non se dirixe desde o exilio senón no interior da nosa patria ocupada".
Ademais, Omar afirmou que a solución ao conflito "vai depender da vontade das Nacións Unidas para impor unha solución conforme á legalidade internacional".