Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O mellor portal municipal galego

Compostela estrea unha ambiciosa web centrada na "atención ao cidadán"

Xa era a única que aparecía entre as dez mellores a nivel estatal. Agora, a web do Concello de Santiago presenta redeseño e novos servizos.

Redacción - 14:35 14/06/2007

Trámites, impresos e servizos varios aparecen no cabeceiro da nova web do Concello de Santiago, desde onde se poden pagar taxas a través da rede, calcular tributos, xestionar a tarxeta da zona ORA ou presentar documentación variada. A Carpeta Cidadá ampliará servizos en breve, permitindo tamén os trámites a través de certificado electrónico.

Ademais, os veciños poderán pedir cita en calquera departamento do Concello e accederen directamente ao estado de tramitación de expedientes. Información catastral, padrón municipal ou estado das facturas electrónicas de empresas que traballen co Concello, son algunhas das informacións que poderán revisar a través de internet os cidadáns.

A actualidade da actividade municipal, parte meteorolóxico ou mesmo as farmacias que están de garda, son outras informacións que poden verse en portada. Ademais, destácase o servizo de blogs onde calquera veciño pode crear a súa bitácora. Presentou este xoves todas as novidades a concelleira de Reforma Administrativa, Marta Álvarez Santullano, acompañada do responsábel do departamento de Informática, Xesús Rodríguez Castro, e de Lois Rodríguez, da empresa Acordar.

Accesibilidade
Destacan tamén na nova web do Concello de Santiago as melloras que permiten o acceso independentemente do dispositivo utilizado: a través do teléfono móbil, desde unha PDA, mesmo vía consola de videoxogos con conexión a internet, facilítase a navegación de Santiagodecompostela.org. Por outra parte, a web pode ser consultada por persoas con dificultades visuais, a través de dispositivos de lectura en braille como de navegadores de voz.


A mellor web municipal galega
A análise máis detallada que de momento existe sobre as webs municipais en todo o Estado, a realizada anualmente polo Ciberpaís, amosaba na súa última edición un bo posicionamento para a de Santiago de Compostela. Daquela, só unha ducia de webs dos principais concellos cumprían cos mínimos de accesibilidade esixidos pola nova lexislación sobre páxinas en internet de administracións públicas, entre elas a compostelá. Na comparativa final, a web santiaguesa aparece na 8ª posición entre as mellores de todo o Estado.


3,71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: