Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O ESTUDOS SEGUEN LOUVANDO OS PROXECTOS DE VIGO E COMPOSTELA

Dúas webs municipais desenvolvidas por Acordar están entre as mellores do Estado

A web municipal de Santiago de Compostela vén de aparecer destacada do estudo do Ciberpaís, que anualmente revisa polo miúdo os proxectos de administración electrónica das principais cidades do Estado. Alén do oitavo posto da páxina compostelá, preto do top dez está tamén a de Vigo, na 11ª posición. Hai poucos meses, outro informe gabou entre outros os portais municipais de Ames, Cariño ou Arzúa. Todas estas webs teñen en común no seu desenvolvemento á beira dos Concellos o traballo da empresa Acordar, vencellada a Vieiros. Falamos con Lois Rodríguez editor de Vieiros e director de Acordar.

- 11:35 17/07/2006
Tags:

Acordar é unha das empresas en desenvolvemento de proxectos web máis antigas de Galiza: que dúas das produccións para concellos estean entre as mellor valoradas do estado, ten que ver con esa experiencia? Estades especializados en traballos para administracións?
Comezamos a traballar en internet no ano 95, e desde aquela fixemos unha gran cantidade de proxectos para administracións, empresas de todo tipo, desenvolvementos xornalisticos, etc. Quizais somos os decanos. E é certo, ter experiencia axuda a facelo mellor nun mundo como este que ainda está comezando e nun sector que ainda non se asentou de todo. Neses once anos temos cambiado moito. Agora somos 23 persoas sendo quen de traballar en varios proxectos complexos ao mesmo tempo. Para min o máis singular é termos sido quen de desenvolver unha metodoloxía propia que despois de todos estes traballos, nos permiten enfrentar as novas realizacións con maior coñecemento e efectividade. Isto é importante en todos os ámbitos pero, quizais máis especialmente no do sector das administracións. Despois de saltar a borbulla tecnolóxica do 2000/2001 a empresa atendeu máis este eido. Non é que nos especializaramos en institucións, pero comezamos a facer moito máis traballo para elas e investimos en investigación e formación para dotarmonos de ferramentas e coñecementos que podían ser aproveitados por elas. Supoño que aquel posicionamento é o que nos permite a día de hoxe ser unha das mellores empresas de Galiza nesta especialidade, pero seguimos traballando tamén para empresas, organizacións sociais, etc

Cales foron os obxectivos no seu momento para o deseño dos portais web de Vigo e Compostela? De que criterios se partiu?
Partíase de dúas situacións similares. Tanto Vigo como Compostela tiñan unhas webs un tanto precarias, xa un pouco antigas no tempo, que non aportaban máis aló que presencia en internet para o Concello, ofrecían algo de información institucional aos veciños e como moito, un certo retorno por parte dos administrados por medio do correo electrónico. É dicir a comunicación electrónica das dúas cidades estaba nunha fase primaria. Cambiala, modernizala, facela máis usable, permitir que a información circulase nos dous sentidos, aportar servicios aos veciños, eran os obxectivos comúns aos dous proxectos. De todos os xeitos, cada unha buscaba tamén metas máis específicas e partían de situacións internas, a nivel de infraestructuras e persoal informático en cada concello, distintas.

Non é a primeira vez que un informe gaba o traballo realizado para o acceso á rede nos Concellos de Vigo e Santiago. Permiten este tipo de estudos e indicadores perfeccionar a evolución dos portais municipais?
Son outro referente co que traballar. O noso labor en cada proxecto foi máis aló que o de deseñar ou producir as webs. Fíxose tamén esforzo no que a consultoría, ordenación de fluxos, implicacións e formación se refire. Ao final que as webs sexan boas é importante para o éxito das mesmas, pero ainda o é máis que os gobernos e os distintos departamentos dos concellos o asuman como algo propio, útil e efectivo para as funcións administrativas. É dicir, é onde é fundamental o bon facer dos funcionarios. Estes indicadores, alén das webs, premian o coidado e atención que os concellos fan destas ferramentas. O recoñecemento merécenno por tanto as persoas que diariamente actualizan e atenden os portais municipais. Por outra banda, ver o que fan os outros concellos e podelos comparar dun xeito sistematizado como o que achegan estes estudios é un bo xerador de ideas e actitudes para mellorar as webs e os procesos das institucións.

Outras investigacións, caso dunha recente do Instituto de Empresa, advirten moi especialmente da falta de estratexias e-municipais? Saben os Concellos a onde queren ou poden chegar...?
Na súa gran maioría entenden que as tecnoloxías deberían servir para mellorar a eficiencia das corporacións e tamén para unha mellor relación cos cidadáns e destes entre si. Outra cousa é que iso se plantexe como unha estratexia planificada. Aquí, as institucións locais galegas fallan grandemente na planificación en todo o que a Sociedade da Información se refire, e tamén na súa aplicación á xestión municipal.

Ese mesmo informe criticaba tamén a ausencia de colaboración entre administracións, cada un vai por libre, e non hai criterios globais.... Nun contorno tan condicionado polos localismos será complicado que vexamos converxer iniciativas nos concellos galegos?
É un sensentido do que advirten numerosos estudios e a propia Unión Europea. Non creo que se deba entender estrictamente no ámbito das comunicacións electrónicas, Ten que ver máis coa organización xeral e territorial do estado, que logo se leva a este eido. Non é un problema dos concellos que son as unidades administrativas máis básicas. Creo que unha redifinición do papel do Ministerio de Ciencia e tecnoloxía, como ente coordenador, e a asunción da maioría das competencias por parte das Comunidades podería axudar a resolver os problemas. de todos xeitos en catalunya houbo experiencias exitosas de coordenación entre administracións neste campo.

Falamos deica agora das webs das grandes cidades, pero o desafío é similar para os concellos máis pequenos, como ve vostede a situación en Galiza?
O fundamental é que todos os concellos teñan presencia e entendan o valor da rede para os seus labores e as súas vilas. Creo que é importante a política da consellaría de Innovación apoiando a creación de webs municipais, de xeito que todos os nosos entes locais conten con xanelas en internet. Conseguir isto é un primeiro e importante paso. Pero hai que traballar na formación de funcionarios e políticos locais para que coñezan todo o potencial que esto lles pode aportar ás súas institucións. Quizais un Instituto, ou unha asociación de concellos neste ámbito serviría para acadar o obxectivo final de sermos un pais sen "apagóns dixitais" no que á comunicación e servizos locais en rede se refire.

"e-democracia", "e-goberno", Cara a onde pensa vostede que vai o futuro neste eido?
O futuro é e-todo. A medio prazo hai un escenario onde os cidadáns nos relacionaremos coas administracións por vías telemáticas, en todos os sentidos, sen ter que chegar á presencia física en case ningún caso. Os concellos son tamén a administración con relación máis directa co cidadán, poder participar na vida política local é algo que os veciños tiñamos delegado aos nosos representantes. As tecnoloxías comezan a permitir esta participación. Hai experimentos moi interesantes en varios concellos europeos e o futuro vai por aí: unha maior implicación das persoas na vida pública por medio das comunicacións dixitais.


0/5 (0 votos)