É o responsábel dunha sorte de CSI dos lumes. Dende esta semana o seu grupo conta cun novo e máis moderno equipamento: os maletíns de Medio Rural.
Alberte Blanco, no centro, na entrega dos primeiros maletíns esta terza
A pasada terza, a Consellaría de Medio Rural facíalle entrega á Policía Autonómica e ao Seprona dos primeiros maletíns, equipados con material técnico, para mellorar e perfeccionar a investigación que estes realicen sobre as causas e sobre a orixe dos incendios forestais.
En total achegaráselles medio cento destes equipos, valorado en 3.000 euros cada un. Segundo manifestou o director xeral de Montes, Alberte Blanco, os maletíns "melloran e amplían manifestamente" o material co que contaban até o momento ambos os corpos, e cualificouno de "moi útil" para o traballo de campo, no punto de inicio do lume.
Ademais, Blanco eloxiou o labor das dúas forzas de seguridade "absolutamente extraordinario, tanto polo número de detidos no que vai de campaña, coma pola precisión nas súas investigacións".
Vieiros falou esta semana co xefe do subgrupo de investigación de incendios da Policía Autonómica, Enrique Dacosta, a poucos días de que dea comezo a campaña de máxima alerta contra o lume.
En que consiste o seu traballo?
O noso traballo segue un protocolo estabelecido. En primeiro lugar, cómpre descubrir o punto onde se iniciou o incendio. Realizamos unha pescuda seguindo o mesmo camiño que tomou o lume, mais en dirección inversa, até chegarmos ao lugar exacto. Neste proceso utilizamos diversos mecanismos que van dende o uso dos aparatos de sinalización até as indicacións que poidan achegar os servizos de extinción, de como ardeu.
Unha vez alí, no foco do incendio, é onde realizamos o traballo máis minucioso. Primeiro facemos o que nós lle chamamos 'tamizar' o terreo. Recollemos mostras e analizámolas, e exploramos os arredores para atopar algún tipo de evidencia física no camiño percorrido polo lume.
Como saben se un incendio foi provocado?
Basicamente pola forma xeográfica do incendio e polos restos que poida haber no punto de inicio do lume. De calquera xeito, nós aplicamos o protocolo sempre igual, sexa a causa do lume natural, accidental ou provocada.
Tamén se orientarán polo que poidan dicir os veciños que coñecen ben a zona, non si?
Non nos podemos fiar dos rumores. O noso traballo está baseado nunha metodoloxía científica. A información moitas veces defórmase polo camiño; unha persoa pode dicir que o incendio é por culpa dun cigarro e logo descobres que foi un tipo cun soprete. O que nos vale a nós son as probas científicas.
Facilítanlles máis o traballo estes novos maletíns?
Facilitan. Esta é a terceira remesa que recibimos. Hai oito anos mandárannos a primeira, mais cada vez os equipos son máis sofisticados para a recolección de probas físicas, como a cinza, ou de datos. Agora co GPS podemos delimitar todo con máis precisión e tamén podemos elaborar unha reportaxe fotográfica máis exhaustiva, tanto de elementos concretos como xerais; o equipo meteorolóxico permítenos medir a intensidade do vento, o grao de humidade...
Cre que este verán se pode repetir a situación do ano pasado?
Polo momento, a climatoloxía está a axudar bastante. Mais o que se nota sobre todo é que a presenza de corpos de seguridade e de efectivos para loitar contra o lume triplicouse ou cuadriplicouse; aumentou moitísimo.
A xente está máis sensibilizada tras o ocorrido...
Está, mais coido que está a funcionar mellor a acción disuasoria de tantas forzas despregadas.
O ano pasado houbo quen falou dunha trama organizada. Fóra de calquera especulación, non lle parece curioso que a maioría dos incendios fosen preto de núcleos poboados e ao redor da Autoestrada do Atlántico?
É que non é así; o ano pasado ardeu todo. Non creo que se tratase de ningunha trama. Foi consecuencia dun conxunto de factores. Por exemplo, no Val do Limia, que vías que era un lugar relativamente tranquilo, producíase un lume e, acto seguido, comezaban a aparecer múltiples focos. É o que eu lle chamo 'efecto contaxio': unha persoa da zona ve que empeza a arder o monte, e aproveita el tamén para queimar, sexa polo motivo que sexa.
Un perturbado?
Non ten por que. Hai quen queima para deixar pasto para os animais. Unha vez chegamos até o presunto autor dun incendio seguindo os excrementos que deixaran as súas vacas...
Seguro que ten moitas máis anécdotas coma esa...
Doutra volta, viaxando en helicóptero por riba dunhas serras en Ourense, ao cruzar unha lomba vimos media ducia de focos seguidos, cada un máis pequeno ca o anterior. Ao carón do último, o menor de todos, había un can deitado..., e xa se sabe que onde hai can hai amo, mais non quería saír.
Haberá quen negue ser culpábel aínda que sexa 'cazado' in fraganti...
Hainos que xuran e perxuran que apagaron as brasas con auga antes de marchar. Aquí é onde o maletín axudará moito a conseguirmos mellores probas e a facermos un atestado máis completo.
Non se senten frustrados cando deteñen un incendiario, conseguen todas as probas que o incriminan e logo ven que, en moitos casos, sae en liberdade provisional?
Un séntese defraudado cando non fai ben o seu traballo. A nosa satisfacción está en entregarlle á Xustiza un atestado ben preciso.
Existe un correcto entendemento, unha boa relación entre a Policía galega e o Seprona (Garda Civil)?
Existe, mais en realidade poucas veces coincidimos xa que cada corpo ten asignadas unhas determinadas parroquias, decididas de mutuo acordo no Comité de Incendios do que tamén forma parte a Consellaría de Medio Rural. No entanto, se o lume afecta a zonas máis amplas, facemos o traballo de investigación conxuntamente sen ningún tipo de problemas.
E a relación con Medio Rural, que tal é?
Excelente, a verdade. Temos un bo feeling coa consellaría. Antes de decidiren calquera cousa, sempre nos consultan. Co tema dos maletíns é igual; pregúntanos se precisamos algún instrumento máis, se sobra algo...
E precisan algo máis ou sóbralles algo?
Sobrar nunca sobra nada. Se cómpre algo máis, irémolo vendo a medida que avance a campaña.