Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O conselleiro agarda que o lume chegue a ser "residual"

Suárez Canal asegura que en cinco anos a fisionomía do monte en Galiza "será moi diferente"

A Xunta ponse prazo de "oito ou dez anos" para reducir ao mínimo os incendios.

Redacción - 09:00 19/03/2007

As bases para a mellora das condicións do monte galego estanse poñendo agora, segundo explicou nos micrófonos da Cadena Ser este domingo o conselleiro do Medio Rural. Alfredo Suárez Canal opinou que as novas normativas e iniciativas como as das sete centrais de biomasa en marcha, son exemplo de proxectos que van cambiar a situación. Non obstante, sinalou que Galiza aínda deberá esperar algo máis para contar con árbores de calidade, xa que estas especies tardan en medrar "vinte e cinco ou trinta anos".

Destacou o esforzo este ano na limpeza de zonas próximas a áreas habitadas e grandes vías de comunicación. Por outra parte, avisou de que "sería un atrevemento" afirmar que todo o monte estará "limpo e sen maleza", xa que existen dous millóns de hectáreas e "durante moito tempo, cunha política concreta" valorizáronse "trescentas ou catrocentas mil" e abandonouse o resto".

Suárez Canal agoirou que Galiza vai seguir sentindo "a presenza do lume", lembrou que ao cabo dunha semana poden recibirse até catro milleiros de solicitudes para queimas autorizadas, o que explica que o lume sexa un instrumento "presente" no agro galego. Porén, dixo estar seguro de que os incendios serán residuais en dez anos e maioritariamente "produto de accidentes".

Na súa opinión, mentres haxa o elevado número de lumes que hai na actualidade Galiza deberá ter "un amplo dispositivo de extinción" e matizou que "mesmo nunha situación diferente", un país que aspire a "valorizar" o monte terá que "posuír un equipo capacitado" e profesionalizar, xa que poden producirse lumes "accidentais".

O conselleiro lembrou unha vez máis que o dispositivo de extinción se constrúe sobre o "anterior", recoñecendo que "tiña cousas ben feitas", e laiouse da elevada actividade delituosa. Reparou ademais en que os lumes necesitan de actuación coordinada entre administración, polo que son imprescindíbeis os protocolos de colaboración.

"Hai traballo de sensibilización, formación e medidas políticas e orzamentarias para dotar de medios axeitados aos corpos de seguridade para que poidan facer o seu traballo", comentou ao fío da investigación da actividade incendiaria. Na opinión do conselleiro do Medio Rural, debe traballarase para que "non exista ningún tipo de tolerancia social cun incendiario", facendo entender que son persoas que lle fan dano "ao seu país e á súa xente".


4,33/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: