Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chama a continuar negociando

Rusia rexeita o novo proxecto de resolución sobre a independencia de Cosova

O proxecto emendado de resolución do Consello de Seguridade da ONU sobre o estatuto de Cosova "non convén" a Rusia, sinalou o ministerio ruso de Relacións Exteriores.

Redacción - 13:06 01/06/2007

O Ministerio de Relacións Exteriores de Rusia rexeitou este venres o novo borrador de resolución de apoio ao plan de independencia de Cosova, presentado no Consello de Seguridade da ONU por EUA e os países europeos, e esixiu continuar coas negociacións.

"A nova variante do proxecto de resolución sobre Cosova segue sen convirnos", dixo Mijail Kamynin, voceiro do departamento. "Estamos a favor de continuar coas conversas para atoparmos un desenlace favorábel a ambas as dúas partes (serbios e albano-cosovares)", engadiu.

Os países europeos e EUA emendaron o xoves o seu proxecto de resolución sobre Cosova, aínda que continúan apoiando o plan da ONU que outorgaría unha independencia supervisada á provincia serbia.

Modificacións

Na nova versión do texto, o Consello de Seguridade "dálle o seu apoio" -en troques de "dálle o seu plácet"- ao plan do mediador da ONU Martti Ahtisaari para unha independencia vixiada de Cosova. Ademais, "esixe" en troques de "salienta a importancia" de que a rexión cumpra plenamente coas esixencias democráticas da ONU.

O plan Ahtisaari para o estatuto futuro de Cosova equivale a unha independencia que inicialmente se exercerá baixo supervisión internacional, civil e militar.

Serbia, que se opón frontalmente á independencia da súa provincia, é hostil ao plan Ahtisaari. Está apoiada pola súa aliada tradicional, Rusia, que dispón de dereito de veto no Consello de Seguridade.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: