Este sábado comezou a última quenda de negociacións entre Serbia e Cosova para decidir o futuro do territorio. De non acadar un acordo, a ONU podería estabelecer unha soberanía tutelada para a provincia serbia.
Viena acolle a xuntanza na que se gastarán os últimos cartuchos na procura dun acordo entre ambas partes. En principio, non parece que serbios e cosovares teñan pensado achegar as súas posicións. Desde Belgrado póñense impedimentos en relación coa futura constitución de Cosova, a súa presenza en organismos internacionais, o seu sistema xudicial, e os dereitos da comunidade serbia e da súa cultura no territorio.
Logo da consulta deste sábado, o mediador internacional Martii Ahtisaari enviará ao Consello de Seguridade de Nacións Unidas a súa proposta, que pasará pola proclamación dunha soberanía vixiada para o territorio de maioría albanesa.
Os líderes albaneses cosovares ven con bos ollos o plan proposto por Ahtisaari xa que na práctica lles concede a independencia. Pola súa parte, Serbia rexeita claramente a proposta e mantén a súa oferta de conceder unha ampla autonomía a Cosova.