Serían outros tres asentos na Cámara Baixa e un máis no Senado se os emigrantes computasen na distribución.
A iniciativa foi levada ao Parlamento este mércores por Iago Tabarés, deputado do BNG e voceiro de Emigración, e aprobada unanimemente con emendas de PPdeG e PSdeG. Tabarés sinalou que o peso de Galiza "non se corresponde co seu peso electoral" e advertiu da "dubidosa constitucionalidade" desa situación "prexudicial" para o país. "É degradante para os galegos residentes no exterior e a súa condición de cidadáns", laiouse.
A iniciativa solicítalle ao Estado que dea os pasos necesarios, vía reforma electoral, para que se garanta o cómputo da cidadanía no exterior para a distribución de escanos entre cada circunscripción electoral, e tamén para fixárense o número de representantes das corporacións locais e os escanos de cada comunidade autónoma na Cámara Alta.
Subliñou Tabarés que de feito a lexislación xa non fala de "residentes ausentes" senón de "cidadáns no exterior". Na súa opinión, iso debe implicar dereitos que deben aparecer reflictidos no cálculo de necesidades, "no reparto do fondo de suficiencia e na distribución de representantes, senón falariamos de dereitos en precario". Lembrou ao respecto o paradoxo de que concellos como A Rúa ou Irixo perdan representantes ao tempo que gañan electores.