Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Porén, nega que houbese un afán electoralista

O Secretario Xeral de Emigración admite a entrega de cheques de 300 euros en Uruguai

O PP esixe responsabilidades e Iago Tabarés recoñece que estes feitos séguense con “moita preocupación” no BNG.

R.V. - 18:45 02/05/2007

As polémicas sobre a manipulación do voto emigrante ameazan con crispar aínda máis a precampaña. Este mesmo mércores, o Secretario Xeral de Emigración, departamento que depende directamente de Presidencia, Manuel Rodríguez, recoñecía na Radio Galega a entrega de 344 cheques asistenciais entre outros tantos emigrantes galegos convocados nun hotel de Montevideo. Segundo a mesma versión, o apoderado da Fundación Galicia-Emigración fixo a entrega en man dos talóns de 300 euros. Este representante, José Antonio Fernández, é á súa vez o máximo cargo do PSOE en terras uruguaias.

Diante da sorpresa de todos, o alto cargo da Xunta xustificou as axudas alegando que eran “urxentes” para mercar artigos de primeira necesidade e desvinculou o feito da campaña electoral. As reaccións non se fixeron esperar. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, tildaba a situación de escandalosa e solicitaba dimisións.

En declaracións a este xornal, o deputado conservador Xosé Manuel Castelao Bragaña sinalaba que no seu partido xa agardaban este tipo de prácticas. De feito, lembra que en febreiro o PPdeG cuestionou no Parlamento o feito de que neste tipo de fundacións houbese altos cargos dun partido. “A moción foi rexeitada, e agora entendemos polo que”, subliña Castelao Bragaña. O parlamentario lembra que os socialistas están empregando “aquelo que antes eles chamaban chiringuitos do PP”.

Preocupación no BNG


Pola súa parte, o deputado nacionalista Iago Tabarés recoñecíalle a Vieiros que a noticia foi recibida con “moita preocupación” no seo do BNG. A formación frontista presentou no Parlamento unha iniciativa para que se esclarezan publicamente os feitos. Aos nacionalistas non lle cadran as contas: “Se estaban os cheques preparados en xaneiro por que se adiou tanto a súa entrega ou por que non se esperou a que pasasen as eleccións?”.

Tabarés lembra en voz alta que no pacto de goberno se acordou evitar “determinadas prácticas que nos remiten ao pasado”. O deputado advírtelle aos socios socialistas que hai que “deslindar” as cuestións partidarias das de goberno.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: