Tamén solicitarán a anulación doutras once listas independentes e decidirán o xoves se fan o mesmo con ANV.
A Avogacía e a Fiscalía Xerais do Estado anunciaron que impugnarán as 232 candidaturas que presentou Abertzale Sozialistak (AS) ás tres xuntas xerais vascas e ao parlamento de Navarra. Así o anunciaron tanto o Ministerio de Xustiza como o fiscal xeral, Cándido Conde-Pumpido.
Os dous organismos solicitarán o xoves a impugnación perante a Sala Especial do Tribunal Supremo, pola sospeita de que sexan unha estratexia “do complexo Batasuna”, o que supoñería o quebrantamento das sentenzas dos tribunais Supremo e Constitucional e da Lei de Partidos. Tamén atoparon evidencias de que a formación ilegalizada participou na preparación, dinamización e dirección das agrupacións de electores.
O fiscal tamén pedirá a anulación doutras seis candidaturas independentes que se presentaron aos comicios municipais, catro en Guipúscoa e dúas en Navarra, mentres que a Avogacía do Estado fará o propio con cinco listas máis en Navarra e outras dúas en Guipúscoa.
Conde-Pumpido anunciou que tamén o xoves se decidirá o futuro das 256 candidaturas que presentou a Asociación Nacionalista Vasca (ANV). A sala especial do Tribunal Supremo reunirase para decidir se acepta as impugnacións da Avogacía e da Fiscalía. Terá de prazo até o sábado ás doce da noite.