Segundo as enquisas, nin Sarkozy nin Royal acadarán maioría absoluta, polo que a segunda volta o 6 de maio está case asegurada.
As últimas sondaxes auguran unha vantaxe mínima para Nicolas Sarkozy sobre a socialista Royal. Aínda así, o terzo de electores que na xornada do venres aínda non tiñan decidido o seu voto fai que non se descarte ningunha sorpresa no escrutinio. Este dato dálle esperanzas de meterse na segunda volta aos outros dous principais candidatos, o centrista François Bayrou e o veterano líder da extrema dereita Jean-Marie Le Pen.
Aínda que con programas non tan dispares, as propostas dos dous principais candidatos defiren sobre todo nas liñas de acción a seguir ente temas como a loita contra a inmigración ilegal e o crime. O candidato conservador Sarkozy, adoptou durante a súa campaña unha liña dura nestes aspectos o que fixo que moitos rivais o tacharan de autoritario. Pola súa parte, Royal prometeu construír unha Francia “máis xusta e forte” sen discriminar a cidadáns que “procuran traballo” polo feito de non ter “a cor de pel correcto”.
As últimas enquisas publicadas repartían un 26,5 % e un 25,5 % dos hipotéticos votos entre Sarkozy e Royal respectivamente. A sorpresa na xornada de reflexión deuna o ultra dereitista Jean-Marie Le Pen, que segundo unha enquisa do xornal Le Parisien sería o terceiro candidato máis votado, cun 16,5%. Estes datos situaríano medio punto por diante do centrista François Bayrou, que está chamado a ser a alternativa ao binomio esquerda-dereita para a mocidade.