As sondaxes auguran un empate técnico entre Sarkozy e Royal na segunda volta dos comicios, o 6 de maio.
Case 45 millóns de franceses están chamados ás urnas este domingo para elixir o relevo de Chirac á fronte da República. Nesta primeira volta, dous candidatos disputan a presidencia, e outros dous a chave para conseguila.
O conservador Nicolas Sarkozy e a candidata socialista Ségolène Royal lideran as enquisas cun 26,5 % e un 25,5 % dos hipotéticos votos respectivamente. A sorpresa na xornada de reflexión deuna o ultra dereitista Jean-Marie Le Pen, que segundo unha enquisa do xornal Le Parisien sería o terceiro candidato máis votado, cun 16,5%. Estes datos situaríano medio punto por diante do centrista François Bayrou, que está chamado a ser a alternativa ao binomio esquerda-dereita para a mocidade.
Os analistas políticos non se arriscan e limítanse a cualificar de confusa e inquietante esta primeira volta. Sobre todo, porque polo menos unha terceira parte dos electores aínda non definiu o seu voto, en parte polas poucas diferenzas que presentan os programas dos tres principais candidatos, Royal, Bayrou e Sarkozy.