Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ex colaborador da CIA

EUA deixa libre o terrorista Posada Carriles

O asasino confeso Luis Posada Carriles foi posto en liberdade baixo fianza de 350.000 dólares. Cuba, entre outros países, amosou xa o seu malestar.

Redacción - 11:08 20/04/2007
Posada Carriles

Posada Carriles

A sociedade cubana respondeu con mobilizacións masivas de protesta á decisión tomada por un tribunal dos EUA de deixar libre baixo fianza o terrorista Luís Posada Carriles, ex axente da CIA e promotor de varios atentados con numerosas vítimas mortais en varios países, segundo informa a axencia EFE.

Posada Carriles, de orixe cubana e con nacionalizade venezolana, foi recibido como un heroe por decenas de anticastristas en Miami (Florida). Alí deberá cumprir arresto domiciliario tras abandonar unha prisión de El Paso (Texas), logo do pago dunha fianza de 350.000 dólares (uns 260.000 euros) pola causa aberta por mentir presuntamente ao tramitar a súa cidadanía nos EUA.

Múltiples actos terroristas

Posada está acusado de múltiples actos terroristas por Cuba e Venezuela, entre os que salientan varios atentados contra hoteis na illa e o atentado contra un avión da Cubana de Aviación que lle causou a morte a 73 persoas en 1976.

A decisión do tribunal de El Paso non sorprendeu ao goberno cubano, que vén denunciando dende hai anos a protección da Administración estadounidense a Posada Carriles polos servizos prestados á Axencia Central de Intelixencia dos EUA (CIA).

Masivas mobilizacións en Cuba
Tras se confirmar a excarceración, miles de persoas saíron á rúa en Cuba para esixiren a súa condena. Os actos organizados o xoves na illa para conmemorar o 46 aniversario do triunfo do exército cubano en Praia Girón fronte aos EUA convertéronse en concorridos foros de protesta contra a liberación do "inimigo público número 1". Para o día 1 de maio, está convocada unha nova mobilización masiva de repulsa a esta decisión.

Posada Carriles, de 79 anos, estaba detido en Estados Unidos dende maio de 2005 pola súa entrada ilegal ao país, e será xulgado por mentir na súa solicitude da cidadanía estadounidense, nun proceso que comezará o 11 de maio en El Paso.

Protestas nos EUA e en Venezuela

Varias cidades estadounidenses prepáranse tamén para a realización de manifestacións en contra da súa posta en liberdade ese mesmo día. As protestas foron convocadas pola coalición ANSWER contra a guerra e o racismo e polo Comité Nacional para a liberación de cinco antiterroristas cubanos presos nese país, segundo informa a axencia Prensa Latina.

Por outra banda, o ministro venezolano de Relacións Exteriores, Nicolás Maduro, cualificou este xoves a liberación de Posada Carriles como "un acto bochornoso para os pobos de América e do mundo", segundo informa Vieiros Venezuela.

Asasino confeso

Luis Posada Carriles é un terrorista confeso, tal como el mesmo declarou nunha entrevista no diario The New York Times, o 12 de xullo de 1998.


Documentos

2,22/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: