A promotora da que é accionista puido verse beneficiada por este na concesión de licenzas municipais.
O alcalde de Salceda de Caselas (Vigo), Xosé Manuel Fernández, do PP, advertiu esta terza feira de que non deixará as súas actividades inmobiliarias, malia as denuncias interpostas contra a promotora da que é accionista, Viviendas Caselas SL, por supostas actuacións urbanísticas irregulares.
Fernández explicou que a Xunta de Goberno municipal que preside actuou en función dos informes técnicos e xurídicos do concello, ao concederlle a licenza de construción dun edificio de 32 vivendas na rúa Rosalía de Castro.
Ademais, sinalou que tras a presentación dunha denuncia por parte dun particular -na que se alegaba exceso de altura e ocupación de espazo público-, el mesmo deu orde de precintar a obra.
"Detrás das acusacións está o BNG"
O alcalde de Salceda de Caselas negou ter concedido licenzas con informes desfavorábeis á empresa Viviendas Caselas, ou ter beneficiado dende o seu cargo institucional á construtora na que participa. "Detrás das acusacións está o BNG, porque estamos en época preelectoral", manifestou.
Fernández insistiu en que "non ten por que" abandonar a súa actividade nesta empresa, da que, insistiu, é "só un accionista máis", salvo que así llo pida o Partido Popular, e decida impoñer aos seus alcaldes esta condición. "Até o de agora síntome totalmente avalado polo meu partido", engadiu.