Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
A metade en concellos ourensáns

Vinte e un alcaldes amarrados ao cargo desde hai case trinta anos aspiran a recuncar

Sete deles xa gobernan os seus concellos desde os tempos da ditadura.

EP - 09:00 09/04/2007

Manuel García Montero é alcalde no concello ourensán de Cenlle desde 1969, está na actualidade integrado no PPdeG e aspira a renovar mandato o próximo mes de maio. Até hai pouco compartía récord con Antón Gómez Rigueira, quen levaba 38 anos ininterrompidos co bastón de mando no municipio lugués de Alfoz e que recentemente decidiu non volver presentarse.

Son exemplo de rexedores que levan á fronte de concellos galegos desde a celebración das primeiras eleccións municipais da democracia, o 19 de abril de 1979. Un total de 21 deles van intentar revalidar o cargo este mes de maio.

Fronte ás menos de tres décadas no poder do conxunto dos rexedores de Lugo, un total de once ourensáns superarán os 30 anos á fronte das súas casas do concello se tras o 27 de maio manteñen o sillón municipal. Pola súa banda, A Coruña e Pontevedra repártense ao cincuenta por cento as dez alcaldías restantes co mesmo protagonista dende 1979 como mínimo, con cinco cada unha.

Mentres na provincia d'A Coruña o quinteto máis antigo ten en común os comicios de 1979, na pontevedresa até tres dos cinco rexedores datan da época preconstitucional, se ben accederon ao poder en 1976, un ano despois da morte de Francisco Franco. Trátase dos alcaldes de Covelo, Xosé Costa; de Salceda de Caselas, Xosé Manuel Fernández Rodríguez; e d'A Cañiza, César Xosé Mera Rodríguez; todos eles do PPdeG.

De feito, os sete rexedores que gobernan dende antes da instauración da democracia e que prevén presentarse o 27-M son do PPdeG e só tres do total dos 21 que levan polo menos dende 1979 non pertencen a este partido. As tres excepcións son Xaime Rey, do PsdeG, en Redondela; Xosé María Rivera Arnoso, do BNG, en Fene; e Xosé Luís García, até o de agora independente en Brión pero que encabezará a lista do PSdeG en 2007.

De igual modo, tamén son tres o número de mulleres que figuran entre os 21 alcaldes máis antigos da comunidade, unha delas dende a época preconstitucional, a do concello ourensano de Ramirás, María Pilar Otilia López García, quen obtivo o bastón de mando en 1975, catro anos antes que as súas compañeiras no PP de San Cibrao (Ourense), Elisa Nogueira; e da tamén localidade ourensana de Sandiás, María Concepción Méndez Gándara.


4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: