Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pouco antes de que rematase o prazo

Batasuna inscribe un novo partido no Ministerio do Interior

Representantes de Batasuna rexistran unha nova formación co nome de Abertzale Sozialista Batasuna, que use "exclusivamente as vías políticas democráticas".

Redacción - 09:00 28/03/2007

Membros de Batasuna presentaron esta terza feira ante o rexistro do Ministerio do Interior toda a documentación necesaria para a inscrición dun novo partido. O nome desta nova formación abertzale sería o de Abertzale Sozialista Batasuna.

Segundo o recolle o diario Gara, o partido aposta nos seus estatutos por utilizar "exclusivamente as vías políticas democráticas" co fin de conseguir "a independencia e o socialismo".

Acto en Barakaldo
Estaba previsto que o vindeiro sábado a esquerda abertzale desenvolvese un acto no Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo (Biscaia). Durante a presentación da convocatoria á prensa, o pasado 25 de marzo, o membro de Batasuna Tasio Erkizia anunciou que no evento se detallarían as "liñas mestras da nosa actuación en concellos e xuntas xerais".

As actividades políticas de Batasuna foron suspendidas polo xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón nun auto do 26 de agosto de 2002. Posteriormente, a Sala Especial do Tribunal Supremo ilegalizou e disolveu a formación, tras considerar que a formación era parte da organización ETA.

Comunicado de ETA en andamento
O líder de Batasuna, Arnaldo Otegi, confirmou en varias ocasións a súa intención de concorrer nas eleccións municipais do próximo 27 de maio, aínda que sen matizar a fórmula: baixo unha nova marca, a través de agrupacións electorais ou participando nas listas do Partido Comunista das Terras Vascas (EHAK, nas súas siglas en éuscaro).

O goberno español declarou en diversas ocasións que só aceptará a participación da esquerda abertzale nos comicios cun rexeitamento expreso da violencia. Porén, a inscrición deste novo partido podería ser un paso previo á hipotética publicación dun comunicado de ETA anunciando o abandono das armas.

Valoracións políticas diversas
Ao respecto, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, avanzaba na noite do martes que o ministerio atopa "indicios de ilegalidade" na nova formación, e que xa lle remitiu informe ao fiscal xeral do Estado. "Se é un partido ilegal non pode ser nin partido nin presentarse ás eleccións", dixo. Desde o PP, Mariano Rajoy xa solicitou directamente que se ilegalice ao partido.

As voces máis optimistas chegaron desde outros partidos. O voceiro da executiva do PNV, Íñigo Urkullu, opinou que a inscrición do novo partido é un chanzo "inexcusábel" da esquerda abertzale para ir ás municipais. Desde IU apostan pola constatación dunha "maduración" das conviccións democráticas do contorno de Batasuna. Por Aralar, o seu vicecoordenador, Jon Abril, dixo agardar que o partido non sexa ilegalizado e que poida ser votado polos cidadáns o próximo mes de maio, reflexionando que contribuirá á "normalización política" de Euskadi.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: