O dirixente de Batasuna Arnaldo Otegi afirmou este xoves que a esquerda abertzale terá representación nas vindeiras eleccións municipais de maio, baixo "unha grande marca electoral". "Ímonos presentar como o que somos", remarcou Otegi. Nunha entrevista na televisión pública vasca, este afirmou que a concorrencia da súa formación "afianzará o proceso" de paz. Ademais, instou ao goberno español a falar con ETA, para acordar "garantías".
Arnaldo Otegi asegurou en ETB-2 que a esquerda abertzale estará nos comicios electorais "porque é o noso dereito". "Ademais, estou convencido de que faremos unha grande marca electoral o día que nos presentemos", engadiu.
Ademais, sinalou que o goberno español debe manter abertas as canles de comunicación con ETA. Segundo Otegi, a declaración do grupo armado de manter o cesamento do fogo tras o atentado de Barajas, "para algúns é insuficiente, mais quen queira garantías non pode dicir que non falará con ETA porque para iso cómpre falar con ETA".
O líder de Batasuna defendeu o mantemento de "vías de comunicación aínda no peor escenario, como a vía persoal que mantivemos o presidente do PSE (Jesús Eguiguren) e mais eu, nas peores condicións".