A Xunta anunciou a fin dos traballos de reparación da VG-4.1, en execución dende o pasado decembro. A estrada continúa en obras para se converter en autovía.
A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, informou na mañá deste luns en Meis da fin das obras de substitución dos tubos metálicos de drenaxe da Vía do Salnés (VG-4.1). Segundo anunciou, a vía reabrirase por completo ao tráfico na madrugada do luns ao martes, a partir das 00.00 horas.
Deste xeito, ponse en servizo o primeiro treito duns sete quilómetros entre a PO-531, nas proximidades da AP-9, e Ribadumia. Este treito únese ao segundo, entre Ribadumia e Sanxenxo, de dez quilómetros, aberto o pasado 12 de marzo, polo que xa se poderá circular polos 17 quilómetros da Vía do Salnés que unen a AP-9 con Sanxenxo.
Precaución
Porén, a conselleira salientou que a Vía do Salnés atópase en obras de desdobramento para a súa conversión en autovía, polo que os seus usuarios deben extremar a precaución.