"Isto é unha democracia e non unha asemblea pública". Respondíalles así o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, aos alcaldes da comarca do Salnés que propoñían que as reformas da vía, logo das fochancas e os esboroamentos acontecidos, se fixesen por fases e treitos no canto de pechar a estrada completa. "Non van vir os alcaldes dicirnos como se arranxa unha estrada", comentou Pérez Touriño ao tempo que lle dicía aos rexedores que deixasen de "enlamar". Touriño referiuse á responsabilidade que na súa opinión ten o executivo anterior no déficit dunha vía que "nunca foi rápida nin segura". Porén, non haberá adianto nos prazos manexados para a construción da autovía do Salnés.
"Non estamos estabelecendo unha moción de censura mirando atrás", explicou o presidente da Xunta, "non estamos encausando a ninguén, estamos afrontando o feito de que unha estrada deste país se afunde e se cae".
Emilio Pérez Touriño afirmou que a Dirección Xeral de Obras Públicas "arranxará a Vía do Salnés e vaino facer do mellor xeito posíbel, garantindo a súa seguridade viaria", e rexeitou as críticas dos alcaldes da comarca sobre o proxecto para amañar os problemas desta estrada. Destacou que despois de que esta infraestrutura se mellore "vaise falar finalmente de Autovía do Salnés e non de vía rápida". Touriño laiouse de que se producira este afundimento da vía galega, "inédito" en todo o Estado. "O pasado irrompe", dixo en referencia á responsabilidade do anterior goberno do PPdeG na obra, "e érguese con forza na vida deste país".