“Cabalos brancos de ancas de nácara / van polos ríos cos mortos ó lombo”, escribiu don Aquilino na nenia a Luís Pimentel. Cabalos brancos que en 1961 o levarían tamén a el, ao poeta máis senlleiro do neovirxilianismo, do verso grecolatino, do paisaxismo humanista.
Cúmprese o centenario do natalicio do poeta de Seivane (Abadín), nado nun mundo labrego que soubo fundir coa poesía máis nobre da antigüidade recorrendo a un elenco amplísimo do léxico rural. Aquilino era un tremendo coñecedor da riqueza lexical galega e nos seus versos así o podemos constatar.
Iniciou estudos eclesiásticos en Mondoñedo mais deixounos e marchou a Compostela nos anos mozos. Alí entróncase coa Xeración do 16. Foi corrector da editorial Nós, director d´A Nosa Terra e membro da Federación de Mocedades Galeguistas, ás cales chega da man de Francisco Fernández del Riego, o rebuldeiro activista cultural. Situouse na á dereitista mais non secundou a escisión da Dereita Galeguista de V. Risco. Malia as súas fondas crenzas relixiosas seguiu na disciplina do Partido Galeguista, ao cal se afiliara.
Aquilino será lembrado por ser o autor do primeiro poemario tralo paso de Atila por Galiza: Cómaros verdes (1947), un libro con variadas influencias e distinta temática. Enténdase ben, o primeiro poemario que garda un interese literario pois despois de 1936 houbo outras publicacións, moi pobres literariamente, como Fal d´as musas de Daniel Pernas Nieto ou O amor, o mar, o vento e outros gozos de Ánxel Sevillano.
Denantes do 36 publicou dúas obras: Señardá (1930) e Corazón ao vento (1933) con claras influencias do poeta mariñao Noriega Varela: paisaxismo e costumismo. Tamén atopamos composicións con tinguiduras hilozoístas. E unha vez viu a luz Cómaros verdes, sacaría De día a día (1960), Lanza de soledá (1961) e o seu derradeiro libro, Nenias (1961), obra que inauguraba a colección Salnés de Galaxia.
Algúns críticos literarios dan escasa importancia á obra e estilo de Aquilino, cousa que outros críticos, como Méndez Ferrín ou Luciano Rodríguez retrucan. E se cadra a arañeira que cobre a Aquilino poida vir derivada do escaso compromiso público coa cultura e política galegas trala guerra. Ante isto, convidamos a que se lean as colaboracións en La Noche (por exemplo) e máis algunhas nenias de escasa difusión pero forte compromiso, como a dedicada a Castelao en 1960 nun longo poema que remata así: “Oise o balbordo. E tu, todo envolto / de estanfor vermello, no teu barco, ¡ tan alto!, / desde as ínsuas dos bígaros e as areas das lúas velliñas, / adoutrinalos sonos que medran. ¡Daniel!”.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »