Ten 63 anos. Leva traballando dende os 9 cando comezou a ser un neno de recados de Falange Española. Despois foino dun panadeiro comunista, Pucho, no Barrio do Cura, en Vigo. Comezou a cotizar aos 17. Soldador, camioneiro, peón, obreiro cualificado, construción, granito, vendedor… Unha chea de traballos. Cotizando en diferentes categorías. Houbo anos en que estaba na categoría 1. Cotizaba alto. Tamén o Estado levaba o seu. Xusto, loxicamente, mais loxicamente xusto sería que as ganancias empresarias tamén cotizasen nunha porcentaxe maior, así como calquera oficio que dobrase o salario medio.
Traballa con 63 anos, con problemas de saúde, operado hai menos dun decenio, no sector da construción. A empresa vai a pique, vai enfilada. Con 63 anos con vistas ao paro. Dende os 9 traballando. Agora, mírase preto do paro. O capital reconducirá a súa inversión. Nunca perde. El perde poder adquisitivo nun contexto de alza de prezos de bens de consumo que non se reflicte nin en salario nin en paro nin en pensión.
Máis de 50 anos traballando e agora, ao paro. Xusto? Na lóxica do mercado, si; no racional da humanidade, non.
Falamos de xubilación. Prexubilarse e non cotizar, perde cartos. Xubilación a tempo parcial, onde? A empresa pecha. Entón, até os 65, cando se xubile pola lei, entón si, pensión. Pero dous anos de paro.
Sobe o petróleo, sobe a electricidade, sobe o cereal, sobe o pan, sobe, sobe… sobe a nós, aos das familias traballadoras, si, ás familias que cotizaron, que cotizan e cotizarán. Como os empresarios, non? Si, como os empresarios. Pero temos salarios diferentes, temos capacidade financeira diferente. Si, como os empresarios.
Mais el estivo dende os últimos 15 anos traballando entre categoría 7 e 8. Cotiza baixo, moi baixo. Nin a pensión mínima. Tivo repuntes altos e iso permitiulle facer media por riba da mínima. Pero non dá, non dá para dúas persoas, pois ten dona e ela traballou, abofé que traballou.
Ela, falemos dela. Costureira, para Zara, Boxer… contrato? Seguridade social? Cotización? Pensión? E ela traballou para remendar mangas de chaqueta ou os baixos dos pantalóns, deses de boa tela, deses de marca, deses que sobrepasaban os cartos que podía arrecadar en tres meses. Por remendar os baixos, un euro cincuenta. Debeu enfrontarse a eles, denuncialos. Pero el, o de antes, estaba en paro. Calou e aguantou.
Agora, 63 anos. Vistas ao paro. Ela cosendo para a veciñanza, os coñecidos. E sobe a alimentación, a gasolina, a electricidade… E el sabe que a súa pensión só se calcula dende os últimos 15 anos de vida laboral, é dicir, cando estivo entre a categoría 7 e 8. A fins dos 80 até inicios dos 90, traballando en categoría 1 no sector do granito. Non conta. Non conta para nada. Non serve para nada, só para cotizar ao estado quen non repercute agora nel e emprega o seu traballo para axudar a reflotar a economía das empresas, as cales nunca perderon nin perden. El só é unha persoa. Non importa, importan as empresas porque dan traballo, dannos traballo a nós, ás familias traballadoras.
Eles forman parte da sociedade, do pobo. O pobo son moitos máis do que empresas serán nunca porque eles son os que dan traballo ás empresas e quen cotizan sen fraudes ao estado. Pero el e ela vivirán da pensión dos últimos 15 anos, non da pensión de máis de 50 anos traballando (moitos sen cotizar). Xusto? Como el, moitos a facer contas.
O estado, a lei, o sistema, miran para outro lado e a maioría en terra de lobos, aulan todos. Cando hai problemas nunca se fai unha reforma laboral a prol dos traballadores.
Esta historia non é conto, non che vos é porque escribín o que me tocou moi de preto. Mais eu confío e quero crer. Sei que son un inxenuo. E quero crer porque son mozo e escribo agora dende a raiba mais como dicía José Martí, apóstolo dos valores humanos, algún día “Yo sacaré del pecho lo que llevo de rabia y de dolor”.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »