Atinadamente a A. C. Alexandre Bóveda e a Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, coa colaboración dunha Academia Galega decote máis varuda e firme na defensa do noso idioma, celebraron uns actos de homenaxe a Lois Peña Novo, por ser o primeiro en empregar o galego oficialmente nun concello.
De certo, Peña Novo presentouse por unha lista nitidamente nacionalista mais non foi o primeiro militante desa ideoloxía que arribaba a unha casa consistorial. A escasos votos quedou de entrar na mesma convocatoria Antón Villar Ponte. A presentación da candidatura queceu aínda máis a vida interna das Irmandades, que chegou a romper a unidade en 1922. O nacionalismo non sempre se mantivo unido e tamén daquelas tiveron as súas lexítimas diferenzas.
Peña Novo foi un dos primeiros líderes do nacionalismo. Discípulo do malogrado Porteiro Garea, publicou La mancomunidad gallega, un libro merecente do primeiro premio do Balneario de Mondariz (coa familia Peinador detrás), que recolle as súas propostas para Galiza como nunha sorte de estatuto (mancomunidade era daquelas o xeito que lle daban).
O avogado vilalbés, un prezado orador que atraía ás masas, contribuíu dende a prensa a perfilar o corpus ideolóxico e orgánico do galeguismo así como dos seus símbolos identitarios, como a lingua. Estivo moi activo na campaña polo estatuto de 1936 dende as fileiras de Unión Republicana, dentro do Frente Popular. E logo sufriu a represión trala vitoria de Atila. Viviu recluído en Vilalba, preocupado co porvir político de Galiza (participou nunha tentativa de reorganización clandestina) e exercendo como avogado, respectado pola veciñanza e arrentes da súa muller, Ermitas López (quen fora tesoureira da Irmandade Feminina da Coruña). Xuntos morreron nun accidente de circulación en 1967.
Moitos teiman nunha Coruña de raizame castelanista, requintada e refinada, de buen y entendido gusto, unha cidade que seica esqueceu a súa tradición progresista e galeguista: que importante foi Juana de Vega e o seu círculo ideolóxico da rúa Real, a Cova Céltiga, as Irmandades da Fala ou o movemento obreiro! Lerias duns desleigados e desmemoriados. Un patético espello da ignorancia. Velaí unha imaxe sucedida en Vigo: a retransmisión do partido da selección española nunha pantalla grande na Alameda provocou a cancelación de actos da Feira do Libro. Fútbol contra cultura. Seguramente moitos non esquecerán un partido mais si os sucesos que determinaron a historia e que os condicionan.
O nacionalista aprobou unhas oposicións da administración local e dende ela favoreceu o uso do galego. Por iso, en 1994 un grupo de funcionarios decidiron crear a Fundación Lois Peña Novo e o Premio co seu nome, co gallo de recoñecer o traballo daqueles que pulan e promoven o idioma. Hai uns días celebraron a súa XVI edición no castelo de Soutomaior.
Ramón Cabanillas, quen tamén exerceu na administración local, dedicoulle o poema “O galo negro”, que é a animalización do cacique. Risco fíxoa nun porco, lembrades? E di: “Toda a Galicia é unha ringleira de galiñeiros”, pois ningunha pita lle retrucaba con xeito ao galo. Parece que Galiza volve ser unha ringleira de galiñeiros cun galo negro sentado nun tallo de Monte Pío que dilapida moreas de cartos en publicidade. Chámalle austeridade. Chámalle burro ao cabalo.
Lois Peña Novo foi un home fondamente comprometido coa normalización da nosa terra, dende o eido político ao lingüístico. Nós para termar dese compromiso debemos coñecelo, lelo, estudalo. Debemos ser fieis tendo memoria e fincados na terra. Se cadra axudaría dedicarlle un Día das Letras Galegas.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »