Á diferenza do resto das autonomías do Estado italiano (Friûl Vignesie Julie, Sicilia, Trentino-Südtirol e Vâl d’Aoûta) o estatuto de Sardeña recoñece a existencia do pobo sardo.
Ao igual que estas teñen poderes lexislativos e executivos, exercidos polo Consiglio Regionale e pola Giunta Regionale, cun número considerábel de competencias.
Aínda que os partidos nacionalistas non teñen tanto peso como os estatais, o certo é que estes últimos teñen un certo discurso autonomista ou federalista.
Nas últimas eleccións á Asemblea, en febreiro de 2009, a coalición de dereita Il Popolo della Libertà, fundada polo primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, conseguiu a maioría absoluta.
De feito, a derrota do candidato do Partido Demócrata (socialdemócrata) e até o daquelas presidente da Giunta, Renato Soru (que en 2003 fundara o movemento autonomista Progetto Sardegna), provocou a dimisión do líder da formación a nivel estatal, o seu secretario xeral Walter Veltroni.
Sardu
A lingua propia de Sardeña é o sardo (sardu). Á parte fálanse catro linguas máis: o italiano, que é o idioma oficial, o catalán, o corso e o xenovés ou ligur.
O número de persoas que son quen de usar o sardo supera o millón, arredor das tres cuartas partes da poboación, o que a converte na lingua minoritaria máis grande do Estado.
Hai uns 20 mil falantes de catalán na cidade de L'Alguer, uns dous mil de corso na illa da Maddalena e arredor de catro mil de tabarquino (variante do xenovés ou ligur) nas vilas de Câdesédda (illa de Santu_Antiogu) e U Pàize (na illa de Santu Pedru).
Todas estas poboacións son descendentes de colonos chegados entre os séculos XV e XVIII.
Ao estar no medio do Mediterráneo, Sardeña sempre estivo exposta ás invasións. Dende o SXI ao XIV viuse baixo a influencia de Xenova e Pisa.
A Coroa de Aragón conquistou a illa en 1354. Os habitantes de S'Alighèra foron expulsados e substituídos por colonos cataláns. L'Alguer converteuse na capital de Sardeña.
En 1720, Sardeña foi entregada á Casa de Savoia, gobernantes do Piamonte, en troco por Sicilia e converteuse en reino independente. Coa reunificación italiana, en 1860, o monarca sardo coroouse rei de Italia.
Antes, o 28 de abril de 1794, a cidadanía protagonizara unha rebelión liderada por Juanne Maria Angioy dende anos atrás. Na actualidade, esta data conmemórase anualmente como Día de Sardeña.
Estatuto de Autonomía
A Constitución italiana de 1947 recoñece os dereitos das minorías no Estado. Un ano despois apróbase o Estatuto de Autonomía sardo co fin de analizar e atallar a emigración masiva.
As principais normas aprobadas dende entón ao respecto da identidade nacional teñen que ver coa protección da lingua.
En 1985 unha lei estatal estabelece o dereito a aprender sardo na Primaria e nos primeiros anos da Secundaria. En 1991 decrétase que o idioma debe de ser protexido. En 1993, a Giunta aproba unha norma para promovelo, e en 1997, outra con orzamentos detallados.
Ademais de na defensa da lingua, o nacionalismo sardo é moi activo na defensa do ambiente, levando a cabo numerosas mobilizacións en contra da enerxía nuclear e das refinaría de petróleo da illa, moi rica en minerais.
Sardeña conserva numerosos monumentos da civilización nuráxica que xurdiu na Idade de Bronce e perdurou até o S.II.
Tamén mantén tradicións e festividades moi antigas, como é o caso dos mamuthone, máscaras típicas do entroido en Mamoiada, similares aos peliqueiros galegos, ou o canto dos concordu ou tenore, recoñecido Patrimonio Inmaterial da Unesco en 2005.