A historia diferenciada de Kernow comeza no S.VII, cando o avance dos xermánicos que invadiran a Gran Bretaña no S.V, fai que se separe do resto dos territorios da illa, en especial da futura Cymru (Gales). Derradeiro refuxio celta, os ingleses non a someteron até o 936.
Na actualidade, a lingua córnica é un elemento importante da conciencia nacional, mais a súa situación, sen recoñecemento oficial, é precaria. O córnico desapareceu a finais do S.XVIII, e no XIX 'resucítase' grazas a abundancia de textos conservados.
A pesar de non contar con apoio institucional -o Cornwall County Council dálle un apoio financeiro escaso-, xa hai arredor dun milleiros de persoas que o falan, sobre todo en Truru, a cuarta parte de maneira cotiá.
Socialmente, hai unha tendencia xeneralizada a ver con simpatía o córnico. Non é normal atopar a ninguén que estea en contra do seu uso, xa que se considera como un legado do pasado. No entanto, os que defenden a súa aprendizaxe e promoción teñen unha maior aspiración para a súa lingua.
Os nacionalistas córnicos, representados principalmente polo partido Mebyon Kernow, procuran unha maior autonomía para o seu país que os equipare con Escocia ou Gales.
Alén da conciencia como pobo, o principal argumento legal baséase en que Kernow non é un condado senón un ducado, unha nación diferenciada que nunca foi incorporada formalmente a Inglaterra a través dunha Act of Union, lei que por exemplo si aprobaron en 1707 os parlamentos inglés e escocés.
Algúns historiadores, baseándose en textos da Grecia antiga, manteñen que en Kernow existiu un parlamento xa tres séculos antes da nosa era. A finais do S.XII unha administración chamada Stannaries xestionaba o comercio de estaño. En base a unha prerrogativa real, tiñan parlamento e leis de seu, e mesmo capacidade de veto sobre a lexislación inglesa.
Xa no S.XIII, Kernow foi dividido en catro áreas. Cada unha elixía media ducia de homes para o Parlamento Stannary, que se reunían en Lostwydhyel. Porén, co paso dos séculos acabou por perder a súa influencia.
Na década de 1970, a industria do estaño resucitou o parlamento, que aínda ten 24 representantes, elixidos polos membros da comunidade Stannary -á que só pertencen aqueles que teñen raíces córnicas. Demandan o recoñecemento de Kernow como "a nación celta córnica indíxena de Gran Bretaña", e a súa independencia.