O representante na UE do principal partido nacionalista de Cornualles, o Mebyon Kernow, asegura que os ingleses se senten "case orgullosos de seren monolingües".
Davyth Hicks
Davyth Hicks, experto lingüista do Departamento de Linguas Celtas da Universidade de Edimburgo e músico de rock retirado, é director de Eurolang, axencia de noticias especializada en linguas minorizadas da UE. Tamén é delegado a nivel europeo do EBLUL (European Bureau for Lesser-Used Languages). Ademais, é o representante en Bruxelas do Mebyon Kernow, o principal partido nacionalista de Cornualles.
Vieiros: Veremos cedo unha nova home nation no Reino Unido?
Davyth Hicks: Traballamos cara a esa idea. Para nós Kernow (Cornualles) sempre foi unha nación, sempre nos vimos como un país e un pobo doutra beira do Tamar, o río que separa Inglaterra de Kernow, unha fronteira moi antiga delimitada polos propios ingleses. En certo modo, Inglaterra creou Kernow porque daquelas era coñecida como Gales do Leste.
Que metas se poñen?
Kernow é aínda hoxe un ducado, do mesmo xeito que Gales é oficialmente un principado, mais só é un condado (comarca) para a política inglesa. Nós traballamos para ter unha autonomía forte coas mesmas concesións que o parlamento escocés. O 4 de xuño, coincidindo coas europeas, temos eleccións ao novo Cornwall County Council. O Mebyon Kernow (MK) conta con tantos candidatos como o Labour Party, ao que gañamos bastantes veces.
Coido que Kernow precisa de maior autonomía. Eu que traballo en Europa vexo pequenos países como Estonia e Letonia; son independentes, teñen embaixadas, as linguas gozan de plenos dereitos, poden tomar as súas propias decisións. Gustaríame que Cornualles, Gales e Escocia tivesen esa capacidade de poder tomar as súas propias decisións. Ese é o camiño que debe seguir Europa, o máis democrático.
Pensa que o pobo cornuallés está interesado en ser independente de Inglaterra? É vostede optimista ao respecto?
Temos que selo, doutro xeito habería que abandonar. Coido que todo o mundo no movemento córnico é optimista, a nivel de lingua e a nivel político. As sondaxes dos últimos cinco anos indican que aumenta o apoio entre a xente a unha maior autonomía, arredor do 60%. Non teñen por que ser necesariamente do Mebyon Kernow. A maioría son do Liberal Democratic Party, que prometeron que ían pelexar por estabelecer unha Asemblea, e non cumpriron con esas ideas autonomistas.
En 2002, exactamente o 10% da poboación de Kernow asinou a prol de ter un parlamento propio como Escocia, unha petición que lle enviamos ao primeiro ministro británico ... simplemente ignoráronnos. E no tempo da devolution a Escocia e Gales, preguntaron "quen máis a quere?", e o único lugar onde se pediu foi en Kernow. Coido que é momento de que todos os partidos se poñan de acordo nesta cuestión, porque a autonomía afecta a todo o mundo.
Cómpre recordar que durante anos no sistema educativo inglés non se lles aprendía aos cativos a súa propia lingua, nin a súa propia historia. Só a inglesa e a do Imperio Británico. E agora isto está empezando a mudar. Coido que imos conseguir a autonomía moi cedo.
As cousas comezan a mudar, mais a situación do córnico segue a ser crítica, non si?
A situación hoxe é moito mellor que hai 100 anos. A situación do córnico é bastante especial, parece ser que se usaba como unha lingua de comunidade. Podía non haber dúas persoas nunha mesma vila que a puidesen falar entre eles, mais si en diferentes localidades. Naquel tempo, a finais do S.XIX a lingua comezou a revivir. Dende entón hai persoas que o volven falar, que o usan para educar os seus fillos. Non moita, mais increméntase paso a paso. Estamos a reintroducilo nas escolas ... hai un progreso, lento mais progreso, máis tendo en conta as eivas... Agora o goberno británico apoia o Cornish Language Partnership, e cada vez máis xente usa o córnico nos seus negocios.
Supoño que é ben complicado competir co inglés, máis na era da globalización ...
O inglés é o veciño da porta de ao lado. Enfrontámonos a lingua omnipresente, económica e máis poderosa do mundo. É a lingua franca e cando ves a poboación do Reino Unido, especialmente en Inglaterra, están case orgullosos do feito de seren monolingües. Pensan que non precisan aprender máis linguas, o cal é ridículo. Todos sabemos dos beneficios de saber falar varias linguas. Eu creo que non é problema que o inglés sexa lingua franca do mundo. Mais cando vai relacionado con cuestións políticas e económicas, os gobernos ingleses tenden a facer pensar que non hai necesidade de que manteñamos a nosa lingua propia. E o que acaba ocorrendo é que acaba por ser relegada de todos os espazos sociais: das tendas, do pub. Temos que comezar a recuperar o terreo perdido.
Moita xente considera que cunha lingua común a todo o mundo, todo sería máis sinxelo ...
Exacto. Que haxa unha lingua mundial non é problema sempre e cando non ocupe o lugar da lingua nai. Para reunións internacionais, negociacións, ... está ben, podemos usar o inglés, mais coido que se ten que estabelecer unha posición de respecto por todas as linguas, sexa francés, español, galego ou córnico. No Parlamento Europeo letóns, lituanos, estonianos, teñen dereito a usar a súa lingua e o número de falantes é irrelevante. Aínda que a UE é un pouco ambigua no respecto a diversidade lingüística, porque se es galegofalante ou catalanfalante ... tamén pagas impostos para manter o proxecto europeo, así que por que non vas poder usar a túa lingua? Se non se modifica a cuestión de un estado, unha lingua logo se está a incentivar a xente de Galiza, de Cataluña a que o único xeito de que poidan usar as súas linguas é converténdose nun estado membro por si mesmo, e entón é cando a cuestión lingüística tórnase política todo o tempo.
Porén na propia Galiza hai pais que non queren que os seus fillos perdan o tempo aprendendo o galego, que prefiren que se centren no castelán e no inglés ...
Este é un problema de anos e anos de estigmatizar as linguas orixinarias ou menos usadas. No Estado español tedes isto, ao igual que no Reino Unido tamén o uso do córnico, galés, gaélico escocés e irlandés ten connotacións negativas. Isto vén da idea orixinal da construción do estado-nación. Particularmente, vese con Francia, un estado centralizado e xacobino, que despois da Revolución se propuxo acabar co bretón, co corso, co occitano, etc, que convivían no mesmo estado porque podían resultar unha ameaza.
Hai moita presión porque che din que se queres facer isto, tes que falar isto. Necesitas falar inglés e español porque é o que se fala arredor do mundo, ... e por que non comezar co galego? Creo que o reto dos galegofalantes é asegurarse de que teñen webs, noticias, Facebook, Twitter ... en galego, que hai bandas de música en galego. Hai que asegurarse de que a xente pode aprender galego senón de que poden vivir as súas vidas en galego. É un reto moi importante que nós temos que afrontar e que choca moitas veces cos problemas de financiamento.
Aposta pola Europa das Nacións?
É o camiño. Eu traballo en Bruxelas con linguas minoritarias, e tratas coa UE e as súas institucións, as comisións, os consellos, e podes ser unha lingua minoritaria e dinche que van coidar de ti: "non te preocupes todo vai ir ben"; e sabes que é unha resposta errónea, non vai ir ben. Todos vimos como en Galiza, os galegos elixiron o PP, e que a primeira cousa que quere cambiar e unha lei lingüística. E din que manterán a lingua fóra da política. Para ser sincero, as persoas que pensan que a lingua é unha cuetión apolítica son uns inxenuos; a lingua é completamente política. Ao final se realmente queres protexer a túa lingua precisas unha forte autonomía ou a independencia. Se non, iso supón que a túa lingua e a túa cultura non teñen capacidade de decisión.
Estonia e Lituania son independentes e tomas as súas decisións. Países co mesmo número de habitantes que o País Vasco, Galiza, Gales e Escocia. Por que non podemos decidir por nós mesmos? Non son nacións maduras de abondo para o facer? Abofé que o son, e coido que esa é a razón pola que precisamos a Europa dos Pobos. Evidentemente, a política non é a única solución. Tamén tes que asegurar unha boa planificación lingüística. Irlanda independizouse mais aínda está a pelexar para estender o uso da súa lingua. Ten que ser unha combinación de ambas as dúas cousas.
Este domingo, Día das Letras en Galiza, está prevista unha manifestación en defensa do galego e contra as políticas regresivas en materia de normalización ...
Si, seino. Lin sobre isto, da Mesa pola Normalización Lingüística, e tamén lin un artigo sobre os cambios nos gobernos galego e vasco. Creo que sería unha traxedia, despois de terdes varios anos de bo Goberno promovendo o galego e elaborando plans efectivos. Sería un desastre se o PP chega e comeza a derrogar estes plans, unha desgracia. Deberían deixalo e continuar mellorándoo. Non se pode enredar coa planificación lingüística, é un tema realmente delicado. O que subxace disto é a necesidade de ter unha autonomía política forte ou a independencia, e mostra o que ocorre cando un partido que é leal ao Estado español accede ao poder.
Máis información sobre Kernow no especial Europa, Terra de Pobos