Este ano, no marco da celebración do San Cidre, Manuel Regal Ledo presentou o seu novo libro Terra de seu. Breve historia do campesiñado galego, que recolle os 24 capítulos que foron saíndo durante 6 anos en Fervenza, a revista trimestral do Movemento Rural Cristiá de Galicia.
Como ben se comenta na introdución do libro, o título “Terra de seu” ten moito que ver coa que foi unha das máis fondas aspiracións dos homes e mulleres do campo galego durante séculos: ter terra de seu, sobre a que libremente fundamentar unha vida digna. O libro quere ser así “unha homenaxe sobradamente merecida a tantos antepasados nosos, con corpo e alma de home ou muller rurais, que fixeron historia, a nosa historia a ritmo de teimudas aspiracións, que sempre deron os seus froitos”.