Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O NOSO TABOLEIRO

Terra de seu

  Este ano, no marco da celebración do San Cidre, Manuel Regal Ledo presentou o seu novo libro Terra de seu. Breve historia do campesiñado galego,  que recolle os 24 capítulos que foron saíndo durante 6 anos en Fervenza, a revista trimestral do Movemento Rural Cristiá de Galicia.

  Como ben se comenta na introdución do libro, o título “Terra de seu” ten moito que ver coa que foi unha das máis fondas aspiracións dos homes e mulleres do campo galego durante séculos: ter terra de seu, sobre a que libremente fundamentar unha vida digna. O libro quere ser así “unha homenaxe sobradamente merecida a tantos antepasados nosos, con corpo e alma de home ou muller rurais, que fixeron historia, a nosa historia a ritmo de teimudas aspiracións, que sempre deron os seus froitos”.

Tareixa Ledo Regal - 23:28 29/06/2009

   Folga presentar a Manolo, de sobra recoñecido e querido entre a xente de Irimia, tanto pola súa traxectoria como polas súas varias publicacións, nas que destacan unha espiritualidade embebida de admiración e amor á aldea, e unha vivencia rural embebida de espírito xeneroso e comprometido.

  Nesta mesma liña, Manolo preséntanos agora un novo libro no que vai facendo un percorrido duns 2.000 anos pola historia da Galiza. E faino, como non podía ser doutro xeito, desde a terra e desde a xente da aldea; desde unha mirada cordial que, por momentos, case que roza unha certa benevolencia.

     Unha das súas orixinalidades principais é, quizabes, a súa forma narrativa que combina entrevistas, diálogos e narracións en primeira persoa por parte de personaxes imaxinarios de cada unha das épocas.

  Así, o libro arrinca con Brico, un rapaz de 15 anos que vive no castro de Viladonga; recolle a conversa de Bandua e Nabia que van de camiño pola vía romana 19 aló polo ano 213; e a de Exeria,  a piques de casar en pleno século VI, con Xistriz, un mozo suevo. As cavilacións de Cresconio, un labrego do século XI, recórdannos as presenzas do pobo suevo, do bretón, do musulmán e do normando na nosa terra. E a entrevista de Fervenza ó labrego Gaifero achéganos en pleno século XIII á época dos foros, un sistema de tenza da terra que durará uns 700 anos.

  E así continúan, un tras doutro, os relatos, as conversas e as entrevistas, que nos van introducindo na nosa historia ata o capítulo 22 no que se relata a entrada no Mercado Común Europeo, aló polos anos 80.

  É loable o intento de visibilizar ás mulleres, neste caso ás mulleres labregas. Mágoa que esa perspectiva non estea integrada no conxunto do texto e forme un capítulo aparte, o capítulo 23 do libro. Acaso o resto dos capítulos tan só recolle “a historia dos homes”? Se cadra...

  E finalmente o derradeiro capítulo 24, pregúntase polo futuro do campo, polo futuro da aldea, polo futuro de labregas e labregos: “Quizabes sexa a hora de soñar un pouco, por ver se os soños valen tamén para ir facendo camiño”...

  Benvido sexa logo un libro coma este, que pon no centro do relato á xente labrega.

  Benvido un libro coma este, que nos proporciona unha visión sinxela, que o fai accesible case que a calquera lector ou lectora; proporcionando ademais unha comprensión global da nosa historia, unha das súas riquezas máis destacables.

  Benvido un libro coma este, de lectura áxil e envolvente, coma se dunha novela se tratara, desas que unha quer ler e seguir lendo aínda a altas horas da noite.

  Ogallá nos axude a descubrir as nosas raíces labregas, as raíces de terra que todas e todos temos. Ogallá nos axude a recuperar a memoria da Terra. De seguro que dese xeito atinaremos mellor en construír o futuro.


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: