Feijoo anuncia que o alto cargo da Xunta acusado de venderlle empresas a testaferros de narcos cesa no seu cargo. Louzán deféndeo e apoia que siga como presidente do PP de Caldas de Reis.
O presidente da Xunta anunciou que o até o de agora xefe territorial da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra, Evaristo Juncal, foi destituído. Alberto Núñez Feijoo intenta afastar así un gravísimo escándalo que estalou hai pouco máis dun mes cando a edición galega do diario El País publicaba que o alto cargo da Xunta lle vendera empresas e concesións públicas a presuntos testaferros de grandes narcontraficantes da ría de Arousa.
Dentro do organigrama da consellaría, Evaristo Juncal era o funcionario con maior responsabilidade na provincia de Pontevedra. O conselleiro Agustín Hernández optou por el para este cargo de confianza e de considerábel proxección política. Aínda que dende a consellaría sinalan que foi o propio Juncal o que decidiu deixar o posto, diferentes xornais insisten en que se trata dun cesamento directamente relacionado co escándalo destapado pola prensa.
Sen responsabilidades políticas no Goberno, Juncal proseguirá como funcionario da Xunta e manterá a súa condición de presidente local do Partido Popular de Caldas de Reis. Un dos seus máximos defensores, o presidente da Deputación Rafael Louzán, confirmou que sigue confiando plenamente na capacidade política e honradez de Juncal.
Dende o BNG, o seu voceiro no Parlamento Carlos Aymerich pediu que se faga público o expediente interno que abriu a Xunta unha vez que se coñeceu publicamente os polémicos negocios do xefe territorial. Pola parte socialista hai que lembrar que a principios de mes o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, fixo unhas duras declaracións facendo fincapé en que non era a vez primeira que cargos do PP pontevedrés aparecían ligados ao mundo do narcotráfico.