Lech Kaczynski, o euroescéptico irmán xemelgo do finado Jaroslaw, e Bronislaw Komorowski, máis aberto á UE, optan ao posto. O voto da esquerda, chave.
Imaxes de ambos os dous candidatos
Tres meses após a morte do presidente Lech Kaczynski comezou este domingo a segunda volta para a elección do seu sucesor. Máis de 30 millóns de polacos están habilitados para elixir entre o irmán xemelgo do falecido mandatario, Jaroslaw Kaczynski, e o xefe do Parlamento, Bronislaw Komorowski.
O líder de Lei e Xustiza (PIS), o conservador Kaczynski, de 61 anos, quere un Estado nacional máis forte e que Polonia faga parte do G20. Komorowski, de 58 anos, é candidato do partido gobernamental liberal conservador Plataforma Cidadá (PO) do primeiro ministro Donald Tusk. En política exterior, Komorowski inclínase cara á UE. Desde a morte de Lech Kaczynski desempeña interinamente as funcións de xefe de Estado.
Na primeira volta, hai dúas semanas, Komorowski gañou cun 41,5% dos votos e Kaczynski ficou a cinco puntos. Segundo as enquisas, o primeiro tamén é favorito nesta segunda volta, aínda que o seu rival se recuperou nos últimos días. A previsión é que o resultado da votación, que non se coñecerá até este luns pola tarde, sexa moi igualado.
E a esquerda?
Gregorz Napieraski, líder da Alianza da Esquerda Democrática (SLD), converteuse nun actor esencial nestes comicios. O 14% obtido na primeira volta converteuno na sorpresa e na posíbel chave de cara á elección do presidente.
Cauteloso, Napieraski non apoiou explicitamente ningunha das dúas principais candidaturas. Con todo, outros políticos da esquerda apoiaron explicitamente a Komorowski en contra do euroescéptico e conservador Kaczynski, que no pasado deixou claro o seu desdén ao pasado comunista do país.
"Komorowski conta con menos críticos entre a esquerda que o seu rival, e iso é unha vantaxe, mais debe convencer a xente de non ficar na casa", indicou o analista Jacek Kucharczyk, do grupo de estudos do Instituto de Asuntos Públicos a axencias internacionais.