A Academia decidiu homenaxear un autor de culto finado en 1996 e moi reivindicado polas novas fornadas literarias.
En 1996 a morte levaba canda si un poeta que entraba en plena madurez literaria. Catorce anos despois, na mesma cidade na que finou, A Coruña, o pleno da Real Academia Galega decidiu homenaxear a obra deste autor dedicándolle o Día das Letras 2011. Considerado por algúns como un poeta de culto (pouco coñecido entre o gran público), Lois Pereiro foi especialmente reivindicado nos últimos anos polos autores máis novos.
Nado en Monforte en 1958, o poeta sempre foi reticente á publicación individual dos seus traballos. De feito, só viu dous deles publicados en vida: Poemas 1981/1991 (Edicións Positivas, 1992) e Poesía última de amor e enfermidade, publicado na mesma editorial ters anos máis tarde.
Nun comunicado, a RAG sinala que Lois Pereiro “cartagrafou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliadno para tal fin o individualismo escéptico coas tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario.”
Elixido polos lectores de Vieiros en 2006
No ano 2006 Vieiros puxo en marcha en marcha unha enquisa entre os seus lectores para que elixisen o autor a quen se lle debía adicar o Días das Letras. Lois Pereiro gañou con moita diferenza. Catro anos despois, a RAG recoñece o que moitos xa demandaban: un recoñecemento nacional a un autor que merece ser popularizado.
En Vieiros: Dez anos da morte de Lois Pereiro (24/05/2006)