Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 20:30 14/05/2009
En setembro o documental Lois Pereiro: Contra a Morte acompañará unha reedición da súa obra poética nas catro linguas do Estado, un proxecto que lle debe moito a Manuel Rivas. Doce anos despois da súa morte procúrase un recoñecemento para un dos creadores máis reivindicados da literatura galega, malia a (ou precisamente por iso) permanecer sempre na marxe do canon.
Eterno aspirante á homenaxe nas Letras (sobre todo para os escritores máis novos), cómpre preguntarse até que punto sería interesante impoñerlle este recoñecemento institucional. "A integración de Pereiro no canon é inevitábel, a RAG só aceleraría ese proceso", opina Iago Martínez, "en calquera caso a min non me importa, e pareceríame inverosímil que a Academia lle dedicase as Letras, que puxese 'as súas suxas mans' en Pereiro, como dirían os de Rompente". Pereiro é reivindicado xeración a xeración "porque é unha poesía do gume, moi encarnada no corpo, moi ligada á música, aos imaxinarios urbanos. Por iso segue interpelando á xente moza, e sería unha forma de que os rapaces entrasen na literatura galega. Non imaxino a un rapaz do instituto accedendo ás letras galegas a través de Piñeiro".
Lois Pereiro é unha secta segreda, di Iago Martínez: "é unha percepción que tiven dende que coñecían a súa obra, con 17 anos: Lois Pereiro non lle gusta a tanta xente, pero aos que lles gusta teñen unha devoción persoal e gústalles compartila; son xente parecida, que busca na periferia do canon". E gusta "máis que polos seus textos polo que representa. Todo o que desprezamos na literatura galega, poñémolo enfronte de Pereiro, para que el o ataque".
Fragmentos dun dos últimos recitais ofrecidos por Lois Pereiro en 1996, pouco antes de morrer
De Monforte a BerlínO documental persegue o eco deixado por Lois Pereiro en Monforte, Santiago e A Coruña, por suposto, pero tamén en Madrid e Berlín: "Estivemos alí catro días, e fomos un pouco a cegas, ao non poder escoller previamente as localizacións, o que estivo ben, porque doutro xeito acabariamos facendo postais". Despois dunha primeira época, na súa adolescencia, na que no espertar nacionalista Lois Pereiro se sentiu atraído polo celtismo, os anos oitenta foi a cultura xermánica a que o influíu: Thomas Bernhard, Shelley ou Peter Handke, de quen sostén un libro na célebre foto na que tamén posa cunha Fanta, "Berlín deixoulle unha pegada moi forte", din os autores do documental.
Nas escenas de Berlín aparece o barrio de Kreuzberg, polo que se movía o poeta, e un destes tesouros que xorden da casualidade:
Sin Red, o grupo do poeta leonés Víctor M. Díaz (que participou na Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol) incluíu textos de Pereiro nun concerto que ofreceu na capital alemá. E aparece tamén Mijail, un artista ruso que estes días está pintando nos restos do Muro un mural que realizou orixinalmente en 1989, no lado oriental, e que despois foi tapado por distintas pintadas; "interesounos como metáfora do paso do tempo, da recreación anos despois dos espazos que Pereiro coñeceu", di Alex Cancelo.
Pola cámara van pasando os seus familiares: a súa nai e a súa irmá, o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Piedad Cabo, e os seus amigos e compañeiros de xeración: Manuel Rivas, Santi Romero, Raúl López Sueiro, Xabier Seoane, Menchu Lamas, Antón Patiño, Lino Braxe ou Miguel Anxo Fernán-Vello. Tamén os fotógrafos que o retrataron: Manuel Vilariño, Xurxo Lobato ou Vari Caramés.
Un retrato dunha xeraciónManuel Rivas é das persoas que máis está traballando para elevar a Lois Pereiro ao primeiro plano da atención pública. Amigo e compañeiro de xeración, "Rivas destaca moito a Pereiro porque o considera o seu reverso como escritor", en opinión de Iago Martínez. Nun momento do documental Rivas di que
De amor e desamor non era un grupo poético, senón máis ben "unha asociación de veciños", era a sociedade civil "nun momento no que os procesos iniciados na Transición aínda non callaran e seguían vivos, na Coruña aínda non había Vazquismo e pensábase aínda que isto podía ser diferente", di Iago Martínez. "Para dous vigueses coma nós -explica Alex Cancelo- é moi interesante mergullarnos na actividade cultural que había na Coruña nos anos oitenta: La Naval, os artistas plásticos, a música..., era unha movida máis cultureta cá de Vigo, e non tivo os altofalantes institucionais que Soto lle deu en Vigo, pero foi importante e é sorprendente como Vázquez acabou despois con todo".
Lois Pereiro, a nivel persoal, encarnou moitos dos mitos e ritos da súa xeración, "mesmo a colza, que xa parece entrar no tópico, parece mentira que entre os tres mil casos que houbo en todo o Estado un fose o seu". E despois a heroína, "tamén pasando por todas as etapas que tivo nos oitenta: a desinformación, o glamour e finalmente a marxinalidade". Viviu o transo duns heroes a outros: "mesmo o seu irmán máis vello, que só lle leva tres anos, aínda pertence a esa militancia política post 68, e Lois xa é do desencanto; da Pasionaria a Lou Reed". Por iso o documental fala dun tempo, dunha xeración, a través de Pereiro. "A medida que imos falando cos seus amigos, Pereiro perde presenza e gáñaa este grupo: un grupo heteroxéneo, cunha ollada moi aberta, e que acabou fracasando, en realidade, pero nun fracaso moi atractivo".
A enfermidade, a morte, o mitoO malditismo de Pereiro procede en boa medida de certos asuntos que estiveron presentes na súa vida: a heroína, a sida..., dos que ninguén quere falar, pero que non poden ser ignorados. Así e todo, a dor de Lois Pereiro tivo a súa orixe na colza, que marcou toda a súa vida: "a enfermidade púxoo en contacto coa experiencia da dor, e radicalizouno, de xeito que cando moitos compañeiros de xeración foron deixando a heroína, el seguiu mancándose. Pero non tiña un comportamento autodestrutivo". Nos últimos anos da súa vida, cando xa ten data para morrer, comeza unha nova etapa. Eses últimos catro anos están reflectidos no seu segundo libro, "máis confesional, dedicado a relatar esa experiencia, con certa nostalxia e facendo revisión de danos, neses textos está batendo a morte. De súpeto quería vivir e mesmo se reconciliou coa súa condición de escritor", di Iago Martínez.
Pero ese malditismo que sempre o rodeou é discutíbel. O seu segundo poemario foi escollido mellor libro do ano polo xornal
El Mundo, e no Babelia de
El País Manuel Rivas escribiu no seu momento que
Poesía última de amor e enfermidade era unha "mestura de videoclip, haiku, relampo, pregaria e cantiga de escarnio que o converten no clásico que ten a literatura galega sen sabelo". Pereiro non querería homenaxes: "o futuro é por forza alleo a min", escribiu; "cuspídeme enriba cando pasedes", lemos na súa tumba. En calquera caso este documental está realizado co suficiente espírito punk como para lograr algo que Pereiro si desexaría: baixalo á realidade, desmitificalo.