A CIG achega as súas alegacións a un borrador que "consagra os chiringuitos" e camiña "á privatización da administración".
A CIG fala de "okupas na Xunta" coa 'barra libre' para os chiringuitos
A achega á luz do anteproxecto da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e o Sector Público de Galicia (LOFAXGA) achega as críticas desde a representación sindical dos traballadores da administración. A CIG-Autonómica presentou esta segunda feira as súas alegacións ao documento, censurando o modelo de administración pública que configura esta norma. "Trátase da plasmación no papel do ideario político do PP", reprocha Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica.
"A fuxida do dereito público é o principio reitor desta lei", denuncian, advertindo de que esta norma abre furados para levar fóra da administración e dos ámbitos de decisión públicos a execución, introdución e posta en marcha de políticas públicas. "Fomenta un sistema perverso en que a administración vai quedar reducida á súa mínima expresión rodeada dun cinto de entidades sen control que van ir penetrando pouco a pouco", indican.
Como exemplo citan a anunciada substitución de varias subdireccións xerais por axencias, é dicir, na práctica, a aparición de tres novos "macrochiringuitos" que se apropiarán de competencias que até o de agora xestionaban direccións xerais e que desaparecerán: a Axencia Galega de Innovación (que prevería a desaparición da dirección xeral de I+D+i); a Axencia para a Modernización e Innovación Tecnolóxica de Galicia (que asume a estrutura, medios e competencias da secretaría xeral de Modernización); e a Axencia Galega de Infraestruturas (que incorpora as competencias da dirección xeral de Infraestruturas, os servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais e as asignadas á sociedade publica Aceousa).
Maior gasto e barra libre para os chiringuitos
O sindicato chama a atención así sobre o paradoxo de que, logo de criticar a aparición de novos "chiringuitos" durante a anterior lexislatura, o PP pasa agora no Goberno a reforzar o marco legal cara a favorecer a creación deste tipo de estruturas, suprimindo mesmo o "feble sistema" de esixencias que garantía un mínimo control xurídico nesta teima dos executivos.
Por outro lado, o anteproxecto tamén permitirá un "crecemento desmesurado" no número de altos cargos. O texto permite un aumento de órganos directivos da Xunta e dálle cobertura legal a outros xa existentes. Así por exemplo, a estrutura tradicional de secretario xeral-director xeral-subdirector xeral, engadiríanse as figuras de secretario xeral técnico e vicesecretario xeral. Unha "hipertrofia" da estrutura da Xunta que, avisa Fernando García, bate coa presunta austeridade defendida polo PP. Mesmo se "camuflan" baixo o nome de xefes territoriais os antigos delegados provinciais.
Tamén paradoxo en tempo de crise, a norma que o PP pretende sacar adiante estabelece o marco legal para que o persoal de alta dirección da administración paralela poida cobrar máis que o propio presidente da Xunta. Algo que na práctica xa viña sucedendo en diversos organismos pero que a LOFAXGA contempla especificamente permitindo que se disparen as retribucións deste persoal. Unha pedra máis contra a administración pública nun contexto onde, agoira a CIG, vaise producir o "desaloxo e desmantelamento de órganos directivos da Xunta na súa totalidade para ser ocupado ese espazo por chiringuitos".