Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE SOS COUREL E EU

A Xunta mente á Comisión Europea sobre a repoboación no Courel

Bruxelas afirma que a información facilitada polo Goberno asegura que as talas non foron financiadas con fondos europeos. Os ecoloxistas entenden que o obxectivo é evitar unha sanción.

Redacción - 14:00 18/06/2010
Os carteis anunciadores confirman que se empregaron fondos europeos

Os carteis anunciadores confirman que se empregaron fondos europeos

“Proxecto cofinanciado pola Unión Europea”. Así reza nos carteis anunciadores das obras de “rexeneración forestal” que está a acometer a Xunta de Galiza en diferentes parroquias do Courel. Estes traballos, que foron denunciados en diferentes ocasións por SOS Courel e Adega por atentar contra o medio ambiente, foron levados até a Unión Europea por Esquerda Unida. Na resposta da Comisión Europea recibida polo eurodeputado desta formación, Willy Meyer, afirma que “de acordo coa información facilitada polas autoridades competentes galegas, non se asignaron fondos europeos ao financiamento destas intervencións de restauración hidrolóxica e forestal, e estas foron financiadas exclusivamente con cargo a fondos nacionais".

Falsidades para evitar multas
Á luz desta resposta, SOS Courel e Esquerda Unida acusan á Xunta de mentir sobre o financiamento destas repoboacións forestais executadas nos últimos anos. Explican que “existen probas gráficas documentais (ver fotografía) que demostran que a Xunta está a informar incorrectamente a Comisión Europea coa intención de evitar unha sanción polo incumprimento da Directiva europea 92/43/CEE sobre a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, posto que non consta ningunha avaliación ambiental nas distintas intervencións de restauración hidrolóxica e forestal desenvolvidas na Serra do Caurel”.

Coa achega de diferentes fotografías nas que aparecen os carteis anunciadores co logotipo da Unión Europea, Esquerda Unida volve agora dirixirse á Comisión para que aclare se estas intervencións de restauración hidrolóxico-forestal foron ou non financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, tal e como sinalan os carteis. Ademais, pregunta que información foi a que achegou a Xunta de Galiza para non responder sobre os danos ambientais que está a causar.

A desfeita continúa
Finalmente, Esquerda Unida reitera que considera “moi grave que un espazo singular como a Serra do Courel, integrado na Rede natura, siga a sufrir danos ambientais. Cualifica como “inaceptábel” que tanto a Xunta como o goberno español “estean a destruír con fondos europeos un bosque autóctono de grande riqueza no que se concentran especies de vexetación endémica, polo feito de incumprir o proxecto de execución, ao desenvolver o traballo de maneira mecánica con grandes escavadoras en troques de manualmente, e pola restauración forestal realizada a base de pinos”.


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: