Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DENUNCIA

Tres millóns de euros para destruír o Courel

SOS Courel e Adega denuncian os estragos producidos na vexetación autóctona co pretexto da súa rexeneración hidrolóxica e forestal.

Redacción - 13:00 15/03/2010

Un tras doutro, o colectivo ecoloxista-cultural SOS Courel segue denunciando o que considera atentados sobre o seu patrimonio natural: a serra do Courel, un espazo protexido pola Rede Natura. Unha vez máis, as agresións veñen da man da propia Administración, ben da Xunta, ben do goberno español que, segundo explican, están a malgastar os fondos procedentes da Unión Europea en actuacións de dubidoso respecto ambiental.

A súa denuncia, que xa foi trasladada ao parlamento europeo polo representante de Esquerda Unida, Willi Meyer, refírese ás intervencións enmarcadas na “restauración hidrolóxica forestal”, para a que xa se dispuxeron duns tres millóns de euros dos fondos europeos. SOS Courel explica que estas intervencións, que están proxectadas para seren realizadas de xeito manual, están a ser acometidas con grande maquinaria. Este intento de aforrar man de obra e de multiplicar os beneficios económicos está a supoñer a destrución sistemática dos hábitats protexidos.

Destrución ambiental
Este luns Adega sumouse a estas denuncias e centrou a súa atención nos traballos de rexeneración forestal que está a executar a empresa Tragsa no monte das Lampas. Pide tamén ás autoridades competentes “que fagan cumprir a lexislación con respecto á protección dos hábitats” e chama a atención sobre as consecuencias destas actuacións. “Están destruíndo uceiras protexidas que son decapadas por buldóceres e en plena época de cría dos animais silvestres”. Así, lamentan que o obxectivo non sexa outro que “plantar milleiros de piñeiros e facer corta-lumes”.

Á situación do monte de Lampas súmase a de tantos outros espazos da serra. SOS Courel denunciou tamén actuacións como as plantacións ilegais de piñeiros en Louzara ou a destrución de hábitats en Ferreirós ou en Ferramulín, entre outros.


Ligazóns

4,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Buldócer no alto do Taro Branco, preparado para abandonar a Rede Natura do Courel
Buldócer no alto do Taro Branco, preparado para abandonar a Rede Natura do Courel
Plantación de piñeiros en Gamiz
Plantación de piñeiros en Gamiz
Prantas pirófitas abandonadas despois da plantación
Prantas pirófitas abandonadas despois da plantación
Canteira,o carón do río, no medio dun bosque autóctono e en plena rede Natura / Fonte: SOS Courel
Canteira,o carón do río, no medio dun bosque autóctono e en plena rede Natura / Fonte: SOS Courel