Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Críticas a este sistema privado de certificación

Dúbidas sobre o rigor coas 'Bandeiras azuis'

Amigos da Terra fala dun posíbel "negocio encuberto" e recorda que a UE retirou o apoio á iniciativa "polo escaso rigor da súa concesión e dos mecanismos de control".

Redacción - 11:45 10/06/2010



As bandeiras azuis son outorgadas desde hai unha década en exclusiva pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), representación a nivel estatal da Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE). Anteriormente, as chamadas 'Bandeiras azuis' levaban o distintivo da Unión Europea, lucindo as estrelas da bandeira oficial. Mais, recordan desde Amigos da Terra, a UE retiroulle o apoio hai dez anos e quen daquela era comisaria de Medio Ambiente, a sueca Margot Wällstrom, explicou que a decisión se debía ao "escaso rigor da súa concesión e dos seus mecanismos de control".

Neste contexto, para os ecoloxistas, as bandeiras azuis estanse percibindo erroneamente como condecoracións a praias que supostamente cumpren todos os criterios ambientais e gozan de ecosistemas ben conservados: "Algo moi lonxe da realidade", advirten. "Pretenden vendernos a moto", láianse desde Amigos da Terra, analizando que os criterios para a súa concesión semellan ser a aptitude para o baño e os servizos do areal. Deste xeito, unha praia podería estar contaminada con metais pesados "pero se as análises din que é apta para o baño e conta con moitos servizos, recibe a súa bandeira azul sen máis miramentos".

Quen controla e avala?
Por este motivo os ecoloxistas pregúntanse quen financia, controla e avala as distincións aos areais. Ao tempo, ironizan ao respecto do feito de que Galiza, reiteradamente denunciada nos últimos tempos pola UE debido á contaminación do litoral do país, os déficits na depuración das augas e os problemas urbanísticos apareza cada verán con máis bandeiras azuis nas praias. "Como se explica esta evidente contradición?", inquiren desde a asociación ambiental.

De forma concreta mencionan o caso de Vigo, onde a UE ameaza con elevado castigo económico polos vertidos contaminantes á ría e os problemas de saneamento e á vez a zona aparece con oito bandeiras azuis este ano. Recordan que as análises das augas non están expostas ao público na praia e que son realizadas polos propios municipios ou a Xunta sen contraste por parte de organismo independente. "Canto lle custa, directa e indirectamente, a un concello cada bandeira?", pregunta Amigos da Terra.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: