Ecoloxistas en Acción outorga 55 bandeiras e 102 puntos negros polo estado ambiental da nosa costa, a que máis empeorou a súa situación con respecto ao ano pasado.
"A crise, unha oportunidade para a costa". Este é o título que este ano encabeza o informe Bandeiras negras 2009, un estudo que presenta anualmente Ecoloxistas en Acción. En Galiza, a situación é hoxe sensibelmente peor que o ano pasado, se ben daquela xa se falaba de hipoteca do noso litoral. O informe outorga 55 bandeiras negras ás praias galegas, que amosa unha degradación ambiental alta, e 102 puntos negros a espazos con pequenos ou puntuais impactos que agravan a situación. Así, Galiza lidera o listado de todo o Estado Español e é a que máis viu empeorar o estado ambiental das súas costas nun ano.
Con referencias ao Plan Director de Instalacións Náutico Deportivas (ao que cualifican como desvertebrador do territorio) ou ao Plano Acuícola, entre outras medidas de negativo impacto ambiental, Ecoloxistas en Acción denuncia "a corrupción, a venda ás intereses privados, os recheos indiscriminados, as ampliacións de portos deportivos ou os verquidos ao mar" para acabar concluíndo que "non cambiou nada ou case nada", con respecto ao último informe.
A máis degradada, a ría de Ferrol
A presenza da regasificadora Reganosa ou os verquidos de distinta natureza outórganlle a Ferrol o dubidoso mérito de converterse na zona máis ameazada de Galiza. Sobre a Ría de Vigo, a organización ecoloxista destaca que nos últimos anos se detectou a "presenza de coliformes fecais, o que afecta aos recursos marisqueiros, e recomenda frear os desenvolvementos urbanísticos e incrementar a capacidade de depuración das augas, xa que detectan "un incumprimento moi grave da directiva marco de augas residuais".
No referente á costa norte, o informe critica "a alarmante aceleración do proceso de mediterranización que sofre, con proxectos de construción de 120 portos deportivos". Esta situación, con todo, non é exclusiva do Cantábrico, xa que os ecoloxistas denuncian o impacto que terá a creación até 2015 de 19 mil novos puntos de amarre en todo o noso litoral. Alertan ademais de que este proxecto podería provocar "a desconfiguración da orografía das rías galegas".