Co obxectivo de recuperar as deputacións de Lugo e A Coruña e asaltar as cidadess, o PP di traballar a pé de rúa "a uns 350 días das municipais".
Pedro Puy
Referencia clave no grupo parlamentario do PPdeG e estreito colaborador do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o actual deputado Pedro Puy xa participara activamente por exemplo, durante a anterior lexislatura e antes de chegar á Cámara, nas negociacións da fracasada reforma do Estatuto. Pedro Puy Fraga asume agora unha nova tarefa de responsabilidade no seu partido.
Segundo confirmou esta segunda feira o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, á saída da xuntanza do comité de dirección na sede do PP da Coruña, a Pedro Puy corresponderalle a coordinación do programa electoral co que esta formación política acudirá aos próximos comicios municipais.
Segundo explicou Rueda, trátase do primeiro chanzo "cara á plasmación en papel do programa electoral" para os comicios locais e en semanas próximas o PP irá seleccionando o resto de compoñentes do equipo redactor do catálogo electoral do partido. "A segunda onda do cambio en Galiza pasa precisamente por que o PPdeG recupere poder municipal e provincial", afirmou Rueda.
Ampla experiencia na administración
Licenciado e doutor en Dereito e profesor titular de Economía aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Puy Fraga senta por vez primeira no Parlamento de Galicia, logo de optar ao escano nas pasadas eleccións despois de deixar o seu posto no Consello de Contas. Formou parte da Xunta gobernada por Manuel Fraga, sendo por exemplo xefe de gabinete do ex conselleiro de Política Territorial Xosé Cuiña, director xeral de Relacións Institucionais, de Administracións Públicas ou membro do Consello de Administración da Compañía da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Foi profesor de Economía Política e Facenda Pública das facultades de Dereito e Ciencias Políticas da Universidade de Santiago (USC) e o 30 de xullo de 2007 tomou posesión como membro do Consello de Contas. A praza que deixa vacante Pedro Puy no Consello de Contas deberá ser renovada por proposta do PP. Ademais, outros dous membros do órgano fiscalizador conclúen o seu mandato de seis anos nos próximos meses: Xaquín Álvarez Corbacho e Francisco Constenla, designados por PSdeG e BNG, respectivamente.