Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xestión do gasto público

Grecia e Italia suprimirán concellos e provincias como parte dos seus plans de axuste

A redución dos pequenos concellos gregos deixa nun terzo o total de municipios. O goberno italiano prevé suprimir as nove provincias máis cativas.

Redacción - 10:35 28/05/2010
Parlamento grego

Parlamento grego

A mellora da eficacia da administración local é un dos obxectivos introducidos polo goberno grego no seu plan de axuste cara ao saneamento das contas públicas do país. Nese sentido, prevé a reorganización do mapa municipal na procura de non ter concellos con menos de 10 mil habitantes e coordinar o fornecemento de servizos á cidadanía.

Na práctica este plan, aprobado xa polo Parlamento grego esta semana, reduce de máis dun milleiro a só un terzo, apenas 355 concellos, o total de municipios do país. Do mesmo xeito os cargos políticos municipais quedarán reducidos á metade. Este alixeiramento da administración local supón a curto prazo un aforro de máis de 1.100 millóns de euros, segundo o estudo do executivo heleno. Do mesmo xeito, Grecia pasará a organizar as eleccións municipais cada cinco anos, facéndoas coincidir cos comicios europeos e aforrando así outros 75 millóns de euros. A iniciativa causou nos últimos días fortes protestas do funcionariado da administración local en todo o país.

Menos ambiciosa é a proposta que en Italia deseñou o goberno Berlusconi, e que inclúe apenas a supresión de nove provincias, as de menor número de habitantes e que non contan con estatuto especial. Porén, a posíbel supresión de Bérgamo orixinou a queixa do líder da Liga Norte, Umberto Bossi, quen usou o término "guerra civil" para advertir das protestas no caso de que se queira eliminar esa provincia.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: