Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Relevo no centro sanitario de Burela

Comisario político á fronte do Hospital da Costa, láianse PSOE e BNG

Críticas polo novo cambio na dirección do centro en menos dun ano, que leva agora á pilotaxe o ex alcalde de Cervo e presidente do PP local.

Redacción - 09:00 26/05/2010

"De novo se aplican criterios de clientelismo político e non de xestión", laiábase esta terza feira o secretario de Sanidade da executiva provincial luguesa do PSdeG, Xosé Luís Díaz. O voceiro socialista denunciou que o Hospital da Costa, localizado en Burela, teña agora á fronte a un director "un perfil exclusivamente político". "Non lles interesa un profesional da xerencia, senón un comisario político no hospital", censura ao respecto do nomeamento de Xosé Insua, ex alcalde de Cervo e presidente da agrupación local do PP na localidade.

A executiva socialista aproveita para criticar que a redución orzamentaria da Xunta en materia de Sanidade tenlle afectado tamén ao hospital da Mariña e denuncia a porta aberta a políticas de financiamento por empresas privadas dos novos hospitais e centros de saúde "e a privatización de máis servizos". De xeito concreto, quéixanse tamén dun incremento "desmesurado" das listas de espera, do incumprimento de prazos nas obras de reforma do hospital burelao e dos atrasos e silencios sobre diversos servizos demandados desde o centro.

No mesmo sentido se pronuncian desde o BNG lugués, advertindo de que o cesamento do anterior xerente, Carlos Fernández, para poñer no seu lugar unha persoa "de plena confianza" do PP é un suceso que "vén a dar a razón sobre as denuncias sobre o deterioro do servizo sanitario na Mariña". Para o Bloque este cambio agocharía unha manobra máis na imposición nos hospitais públicos do país de recambios que favorezan "un modelo de xestión que afonda na privatización da sanidade pública". O responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, pediu explicacións polo cambio e, recordando que Insua foi médico durante anos no centro burelao e chega ao cargo nun momento en que se teme pola centralización da xestión sanitaria en Lugo e o consecuente desmantelamento da 'área sanitaria norte' . "Sería curioso ver como un ex – alcalde dun concello mariñán colabora como brazo executor do desmantelamento do Hospital da Costa", reprochou Veiga.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: