Lendoiro intensifica a aposta pola canteira logo deste domingo ascender o Fabril á Segunda B. O Pontevedra elimina o Oviedo no seu camiño cara á División de Prata.
Celebración do ascenso do Fabril
O regreso do Fabril, filial do Deportivo, á Segunda División B trouxo consigo dúas boas novas. A primeira, o ascenso en si, que devolve a equipa da canteira á categoría de bronce do fútbol estatal -algo que non puido conseguir o Ourense, que caeu eliminado polo Constancia- un ano após descender.
A segunda, chegou coas declaracións de Augusto César Lendoiro así que se consumou a vitoria sobre o Burgos na quenda de penaltis. "Creo que podemos intentar que o cadro de xogadores da primeira equipa poida ser galega", indicou o presidente deportivista.
En concreto, Lendoiro expresou o seu desexo e intención de que polo menos a metade dos profesionais, nun prazo aproximado de cinco anos, sexan do país. "O futuro do Deportivo pasa polo Fabril, polos xuvenís e moito máis atrás", dixo, e salientou que non é só que gañen, senón que "xogan moi ben ao fútbol e hai xogadores de moita calidade".
O Dépor xa contou esta tempada coa presenza de varios xogadores galegos da canteira en Primeira División. É o caso dos centrais Adrián López Piscu e David Rochela; os laterais Diego Seoane e Raúl García; e os centrocampistas Juan Domínguez, Iván Pérez e David Añón, e Dani Rodríguez, que non chegou a xogar en Liga mais si na Copa do Rei.
Neste senso, o máximo mandatario do club asegura que a decisión non ten que ver coa actual situación de crise económica e a consecuente redución de orzamento, senón que destaca a aposta do Dépor pola canteira sobre todo a partir da inauguración da súa cidade deportiva, Mundo do Fútbol, en Abegondo, que permite traballar nunhas instalacións profesionais.
Heroica do Pontevedra
Por outra banda, o Pontevedra apelou á épica para pasar á seguinte eliminatoria de ascenso á Segunda División. Presentábase difícil o reto ante o Oviedo nun Carlos Tartiere con 21 mil gorxas apoiando o equipo local e pouco máis de mil os galegos.
O Pontevedra, que rematou o partido con nove xogadores, adiantouse no marcador e chegou a gozar dun 0-2. Finalmente, ao igual que na ida, o resultado foi de 1-2 favorábel aos granates.