A coalición Verdes-ALE vai presentar unha iniciativa en que tamén propón outras medidas para fixar poboación no medio rural e mellorar as súas infraestruturas.
O futuro do sector é unha incógnita
O BNG defenderá no Parlamento Europeo, mediante unha iniciativa que van presentar a próxima semana a coalición Verdes-Alianza Libre Europea, a creación dun grupo lácteo galego, ademais doutras propostas para fixar poboación no medio rural e mellorar as súas infraestruturas.
Así o trasladou aos medios, no transcurso dunha conferencia de prensa, a representante dos nacionalistas en Bruxelas, Ana Miranda, que recordou que se trata dunha proposta pola que "sempre avogou" o BNG.
Miranda, que se converterá en europarlamentaria en 2012, apelou a outras experiencias europeas, como o caso de Baviera, onde existen grupos lácteos que reciben importantes axudas comunitarias ao estar considerados como exemplos de desenvolvemento rural e impulsar "marcas de calidade".
Leite ecolóxico
"Por que non podemos ter unha marca de leite de calidade?", preguntouse a nacionalista, que acto seguido fixo fincapé en que esta reivindicación se ten que expor "desde aquí" e en función da "calidade excepcional" do leite galego.
Tamén expuxo como posibilidade que o leite en orixe producido en Galiza se poida comercializar como leite ecolóxico, tal e como ocorre, apuntou, en estados como o belga que xa manexan "sete tipos" diferentes deste produto.