O predecesor de Feijoo considera que hai unha volta ao pasado e censurou a cobertura legal de actuacións urbanísticas irregulares.
A necesidade dun pacto sobre o territorio foi a reclamación fundamental deixada polo ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, nunhas breves declaracións aos medios este xoves coincidindo coa súa asistencia á xornada inaugural do "Encontro de Consellos Consultivos de Comunidades no Camiño".
Falou Pérez Touriño dun pacto necesario sobre as bases de protección e ordenación "e non sobre as bases do clientelismo e o retorno ao pasado e a un urbanismo que non se pon ao servizo da cidadanía". Touriño censurou os cambaleos do actual executivo ao respecto dese acordo posíbel e denunciou que o PP, malia teoricamente convidar a ese pacto, promove a erosión da Axencia Galega de Protección Urbanística. Tamén criticou que a Xunta favoreza convenios que dan cobertura a actuacións irregulares, en referencia ao acontecido no municipio de Barreiros. "Malos sinais", laiouse Touriño, para quen este primeiro treito de Núñez Feijoo á fronte do executivo amosa un feixe de pasos que "non van na dirección positiva".