Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Seis meses detidos nunha prisión marroquí

Máis dun mes en folga de fame a prol dun futuro para o Sáhara

Ademais da presión a Marrocos para que os libere, os Comités de Defensa dos Dereitos Saharauís pídenlles parar a folga porque "son necesarios na loita pola autodeterminación".

Redacción - 11:00 27/04/2010

Son xa seis meses de detención "inxusta". Medio ano no cárcere para seis defensores dos dereitos humanos polas súas actividades pacíficas a prol da autodeterminación do pobo saharauí. Desde Amnistía Internacional veñen criticando "o silencio da comunidade internacional e dos medios de comunicación" sobre esta situación.

Amnistía Internacional recolleu xa máis de 70 mil sinaturas en apoio aos encarcerados para apoialos na loita pola liberdade. "Todos eles están en folga de fame, por desgracia a única maneira que atoparon de denunciar a súa reclusión sen xuízo", expón Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional no Estado español.

Unha plataforma de colectivos pídelles que paren a folga de fame
"Necesitamos a súa forza e a súa liberdade de pensamento para continuar a loita pola nosa autodeterminación e o respecto dos nosos dereitos humanos". Deste xeito se pronuncia nun comunicado a coordinadora de asociacións e comités de Defensa dos Dereitos dos Saharauís.

Alén de esixirlle ao goberno marroquí a inmediata liberación dos presos insta aos detidos a deixar a folga de fame ilimitada que manteñen desde hai case corenta días e que está poñendo en perigo as súas vidas. Recordámoslles que todo comezou o pasado 18 de marzo, cando un grupo de media ducia de presos políticos saharauís se puxeron en folga de fame no cárcere de Salé, en protesta por non teren sido xulgados medio ano despois da detención. Posteriormente, a protesta chegou a outras prisións onde outros encarcerados se solidarizaron con eles.

Do mesmo xeito, o premio Nobel da Paz arxentino Adolfo Pérez Esquivel encabeza a lista de asinantes dun comunicado emitido por diversas organizacións onde se esixe a liberación inmediata dos presos políticos saharauís e "a creación dun mecanismo de protección e supervisión dos dereitos humanos no Sábara Occidental ocupado por Marrocos". No mesmo documento, solicítanlle ás Nacións Unidas que amplíe as funcións da súa misión na zona, a MINURSO, para que vixíe pola garantía dos dereitos humanos dos cidadáns e abra o territorio "aos observadores internacionais e a prensa independente".


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: