Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito con Marrocos

O enviado da ONU defende o dereito de autodeterminación para o Sáhara

Mohamedu Haiba, subdelegado do goberno saharauí en Galiza, di que teñen "moitas esperanzas" postas no novo emisario, Christopher Ross.

F. Arrizado - 12:00 24/02/2009

O novo enviado especial da ONU para o conflito do Sáhara Occidental, Christopher Ross, defendeu o dereito de autodeterminación do pobo saharauí durante unha visita de varios días pola rexión. O domingo mantivo unha conversa "franca e profunda" co presidente da Fronte Polisario, Mohamed Abdelaziz, en Tinduf, e este luns recibiuno o presidente alxerino, Abdelaziz Buteflika.
 
A actitude do novo emisario de Nacións Unidas é radicalmente distinta á do seu predecesor, Van Walsum, que hai uns meses cualificou a independencia de Marrocos de "pouco realista". Como consecuencia destas declaracións, a Fronte retiroulle a súa confianza e as conversas entre as partes encallaron. A situación semella mudar coa chegada de Ross, ex embaixador na zona e que domina perfectamente o árabe.

"A Fronte acatará o que digan as urnas"
"Para el non vai ser fácil", afirma Mohamedu Haiba, subdelegado da República Árabe Saharauí Democrática en Galiza. "Os marroquís din que todo é negociábel agás a soberanía. O mesmo que nós dicimos".

"Marrocos defende o Plan de Autonomía, que aseguran que está feito por saharauís dos territorios ocupados. Moi ben. A Fronte está disposta a o acatar sempre e cando se aprobe en referendo. Ao igual que a independencia. Nós defendemos o dereito a decidir, mais Marrocos néganos a consulta, que é un dereito baseado nas leis internacionais", argumenta Haiba.

Cuestionado por se no actual contexto hai máis posibilidades de voltar á mesa de negociación que á loita armada, o alto funcionario do Goberno confirma que "o presidente asegurou que a Polisario lle vai dar o seu tempo. Polo momento seguimos apostando pola vía pacífica como sempre fixemos. Porén, non imos agardar eternamente".


4,64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: