Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á barra libre no litoral

Entra en vigor a lei do solo entre avisos do PP dos "efectos perversos" da prohibición dos 500 metros

A consellaría trasacorda e promete aprobar as directrices do territorio e a continuación elaborar o Plan do Litoral.

Redacción - 16:35 21/04/2010
Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e Territorio

Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e Territorio

"Permitirá rachar cunha situación insostíbel". Esa é a avaliación que este mércores realizou o voceiro de Ordenación do Territorio do grupo parlamentario do PP, Román Rodríguez, ao respecto da entrada en vigor da nova Lei do Solo. De paso, o parlamentario popular afirmou que se trata dunha "aposta real pola ordenación do territorio" logo do que definiu de "inacción e irresponsabilidade do bipartito". A este respecto referiuse en concreto á lei que freou a construción nos 500 metros desde a liña de mar, asegurando que tivo "efectos perversos" e dubidando de que fose capaz de parar a construción na costa.

Para Rodríguez a nova lei do solo é unha norma que axudará a "axilizar" os planeamentos urbanísticos e acelerar as tramitacións administrativas dos plans municipais. Salientou o deputado dezao o exemplo de que dun golpe se vaian resolver os trámites de avaliación ambiental estratéxica e tramitación urbanística. A maior competencia dos concellos na tramitación de expedientes en solo rústico e adaptación de plans xerais a cada ámbito municipal foi tamén destacada por Román Rodríguez, quen valorou que neste sentido a Xunta acadase un acordo coa Fegamp.

Norma ás présas en prol da "barra libre"
No debate parlamentario previo, a lei que agora entra en vigor estivera a piques de contar coa beizón do grupo do PSdeG, que finalmente non lle concedeu o aval aos populares debido ao desacordo sobre as garantías de protección para a área de Touriñán onde Pescanova proxectaba instalar unha piscifactoría.

Por outro lado, recordámoslles que a voceira de Territorio do grupo do BNG, Teresa Táboas, fora moi belixerante con esta norma, cualificándoa de documento "incoherente" e "apresurado" advertindo de que afonda en políticas cara á "barra libre". "Trapallada" e "chapuza" foron outras definicións adicadas pola deputada nacionalista a esta lei do solo. Entre outros, denunciou Táboas o exemplo de que a lei permita a construción de "casas adosadas" en núcleos históricos tradicionais. "Permitir isto é como aceptar pulpo como animal de compañía", ironizou laiándose ademais de que se introduzan mecanismos que noutras zonas, como o Levante, favoreceron casos de corrupción.

Táboas insistiu tamén en que a secuencia lóxica tería sido aprobar primeiro as directrices do territorio, "tal e como se comprometera o propio Feijoo na súa investidura" e a partir de aí pasar a desenvolver o resto de normativas. Unha opinión que é compartida polos ecoloxistas. Por exemplo desde Adega, recordaban días atrás que a anterior lei xa foi obxecto dun "escandaloso e xeneralizado incumprimento", coas administracións neste tempo máis preocupadas de "favorecer a especulación e o negocio privado" antes ca o interese social e pensan que a nova norma mesmo empeoraría a situación.

Pendentes as directrices do territorio e o plan do litoral
Malia estar xa comezada a casa polo tellado, na opinión de oposición e ambientalistas, desde a Consellaría de Territorio concedían este mércores que cando menos as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) si estarán listas antes do Plan de Ordenación do Litoral. Con todo, semella ir ser unha elaboración case simultánea, xa que o conselleiro Agustín Hernández, na súa intervención para explicar o balance do seu departamento e as prioridades para os vindeiros meses, afirmou que "neste ano 2010 aprobaremos provisionalmente as DOT e as elevaremos ao Consello da Xunta como paso previo á súa remisión ao Parlamento, e inmediatamente despois aprobaremos no Consello o Plan de Ordenación do Litoral". "Será un ano transcendental dende o punto de vista do territorio e o urbanismo, ao contar con dous documentos necesarios e longamente agardados", sentenciou.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: