Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Liberdade de prensa

Dous xornalistas da SER condenados por "revelación de segredos" levan o Xosé Couso

Daniel Anido e Rodolfo Irago gañan a quinta edición do premio, que conceden o Colexio de Xornalistas, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

Redacción - 19:10 15/04/2010
Daniel Anido e Rodolfo Irago

Daniel Anido e Rodolfo Irago

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova deron a coñecer este xoves os gañadores do sexto Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa, que recaeu nos profesionais da cadea SER Daniel Anido e Rodolfo Irago.

A decisión anunciouse na Galería Sargadelos de Ferrol, nun acto en que tamén se anunciou a data do acto de entrega do premio: o 7 de maio no Teatro Jofre. Contarase, un ano máis, coa Real Filharmonía de Galicia, que executará o Concerto pola Liberdade.

O presidente do club ferrolán de prensa, Xan Morales Somoza, salientou a mala situación da profesión xornalística, tanto polos miles de parados como polas "sentenzas que inhabilitan xornalistas e que pechan medios de comunicación, porque os delitos cométenos as persoas e non os medios" e reivindicou o dereito "a criticar as sentenzas porque ao final estamos exercendo a liberdade de prensa".

O secretario do premio, Darío Janeiro, lembrou que se cumpriu hai unha semana o sétimo cabodano da morte de Xosé Couso e que aínda se está á espera de que se esclareza o seu asasinato "e se tomen as medidas oportunas contra os culpábeis", porque "non pode haber impunidade". Tamén recordou outros xornalistas que perderon a vida no seu traballo, "só no ano 2009 Reporteiros sen Fronteiras cifrou en 76" a cifra, e "en 2010 van sete".

A elección de Anido e Irago tivo lugar mediante votación aberta e secreta dos colexiados e asociados das entidades organizadoras. Ademais, por primera vez, un dos premiados, Rodolfo Irago, é colexiado do CPXG, segundo afirmou o decano do colexio, Xosé Manuel Pereiro. Daniel Anido agradeceu por teléfono o premio e amosou a súa "satisfacción" e a do seu compañeiro. Ademais, confirmou que estarán presentes no acto de entrega. Lembrou, finalmente, que o seu caso non é máis do que "unha anécdota" dentro dunha serie a ataques á liberdade de expresión que sofren os medios na actualidade.

Daniel Anido, director da SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da emisora, enfróntanse a unha discutida sentenza que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas de inhabilitación especial por "revelación de segredos". O CPXG emitiu no seu día un comunicado amosando a súa preocupación polo caso e a súa solidariedade cos afectados.

Nas anteriores edicións do Xosé Couso de Liberdade de Prensa resultaron galardoados Ali Lmrabet, Le Monde Diplomatique, Jon Lee Anderson, José Vidal-Beneyto e Rosa María Calaf.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: