Ábre o prazo de votacións para a sexta edición do premio convocado polo CPXG, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anunciou as catro candidaturas que concorren este ano á sexta edición do premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa. A iniciativa, impulsada polo CPXG, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova, abre, ademais, este mércores, o prazo de votacións por correo para escoller a persoa galardoada.
Daniel Anido e Rodolfo Irago, da Cadea SER; o xornalista catalán Enric González, de El País; o escritor e xornalista Manuel Rivas, e o caricaturista danés Kurt Westergaard son os candidatos desta edición, cuxo gañador se coñecerá o 15 de abril.
Anido e Irago foron nomeados ao premio pola súa contena por revelación de segredos nunha polémica sentenza que cuestionaba o dereito á información na rede. Os dous son, respectivamente, director e redactor xefe da Cadea SER.
Enric González foi seleccionado pola súa traxectoria como correspondente de El País en Londres, París, Washington, Nova York e, actualmente, en Xerusalén. Autor de diversos libros, recibiu os premios Cirilo Rodríguez, Francisco Cerecedo e Ciutat de Barcelona.
Pola súa banda, o recoñecemento a Manuel Rivas vén tanto pola súa traxectoria literaria como polas súas colaboracións en El País e a súa participación en Greenpeace. Finalmente, é finalista Kurt Westergaard, autor das famosas caricaturas de Mahoma publicadas na prensa danesa e polas que está ameazado de morte.
O xurado dos premios está composto polos membros do CPXG e mais polas persoas asociadas ao Club de Prensa de Ferrol, que terán de prazo até o 6 de abril. O día 15 coñecerase quen é o gañador, que recibirá o galardón, unha escultura de Manuel Patinha, nunha gala o 7 de maio na cidade ferrolá. O acto contará, ademais, co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia.
As cinco anteriores edicións do premio Xosé Couso recaeron en Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).