Os socialistas consideran que o grupo maioritario ampara as irregularidades detectadas nos procesos de acceso á función pública.
"É triste que o PP co seu voto se opoña a incrementar os controis e a seguridade nos procesos selectivos, cando os buratos nas oposicións están sendo demasiado grandes". Así o censuraba este mércores no Parlamento o voceiro da área institucional do grupo do PSdeG, Xosé Manuel Lage Tuñas, logo de que a maioría do PP na Cámara vetase a proposta socialista en prol dunha reforma profunda do sistema de acceso ao emprego público.
Malia o recente "parche" acordado polo Consello da Xunta e diante da preocupación admitida por todas as forzas políticas, PP incluído, polas anomalías detectadas, aínda discrepando nas responsabilidades, non parece que vaia haber novidades a curto prazo que resolvan a situación. Recordou Lage Tuñas que a Xunta chegou a admitir en sede parlamentaria que o executivo tiña coñecemento do caso dos altos cargos que opositaban e eran membros dun tribunal a un tempo e que só renunciaron ao coñecerse o asunto a través dos medios de comunicación. "Non só non combateron a situación, senón que o Goberno galego mirou para outro lado", denuncia o deputado socialista.
Cambios urxentes e posíbeis
Os socialistas chegaban ao Parlamento cun abano de propostas concretas coas que instaban a unha reforma "profunda" do sistema que evite furados no acceso ao emprego público. Así por exemplo, propoñían estabelecer un órgano estábel para a xestión dos procesos selectivos e cambiar o sistema de probas de accesopara garantir a limpeza e a imparcialidade nos procesos selectivos. Para o deputado do PSdeG sería doado fixar un mecanismo de control que evite a presencia reiterada das mesmas persoas nas presidencias e nas vocalías dos tribunais de oposicións.
Por outro lado, Xosé Manuel Lage queixouse tamén de que tanto o conselleiro de Presidencia como a conselleira de Facenda se negasen até o de agora a compareceren na Cámara "para explicar as responsabilidades do Goberno nos continuos escándalos que están xurdindo nas oposicións na Xunta de Galicia". Recordou o voceiro do PSdeG a "grave alarma social" e a "indignación" que crea en milleiros de opositores o feito de que se descubran "milagres", ironizou Lage, como os de que "as mesmas persoas que traballan onde se imprimen e fotocopian os exames teñen as puntuacións máis altas" ou que "unha persoa con relación persoal coa directora xeral do Sergas teña a mellor nota nos exames".