A representación do Bloque no consello de administración de Emalcsa votou en contra da venda da participación na operadora de telecomunicacións.
"Pode pór en perigo e alterar o proxecto empresarial que representa neste momento R, co que isto significa en canto a postos de traballo, innovación tecnolóxica e valor económico asociado, fundamentalmente na Coruña, onde a empresa ten a súa sede". Así analiza Afonso Sánchez Regueiro, portavoz do BNG na Coruña, a recente venda dunha significativa parte da operadora R a un grupo foráneo de capital risco.
O BNG coruñés lamenta a venda da súa cota realizada pola Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), que contaba cun 1,89% do capital da operadora de telecomunicacións. Ao tempo, confirman que no recente consello de administración de Emalcsa onde se tratou o asunto, o Bloque votou en contra da venda desta participación no accionariado de R. Para Sánchez Regueiro o feito de que o capital pase a un grupo de investimento estranxeito "é unha moi mala nova para A Coruña e para o conxunto de Galiza". Regueiro valora que R se ten convertido nunha empresa de referencia no seu sector e que, "moitas veces en coordinación coas institucións públicas", ten posto en marcha servizos e infraestruturas "das que se beneficia boa parte da poboación galega".
Por outra parte, o voceiro nacionalista chama tamén a atención sobre o feito de que a nova da venda de R coincida co actual proceso de negociación das caixas de aforros. "Non deixa de chamar a atención que unha empresa controlada na súa maior parte por unha caixa galega se poña á venda xusto agora, deixando en mans estranxeiras un dos principais e máis innovadores proxectos empresariais cos que conta Galiza", láiase. Un movemento que o BNG considera "paradoxal, e mesmo contraditorio" e que abre a porta para que Galiza perda o control sobre unha iniciativa empresarial "sólida e estratéxica para o país".