O rexedor volve meter o pé no medio da apertura formal do diálogo das caixas de aforros e pide a retirada da que cualifica "lei anti-Vigo".
O alcalde olívico non dá tregua na súa cruzada diante da posíbel fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Malia que a maioría de representantes políticos reduciran os últimos días a belixerancia nas súas declaracións, o rexedor vigués mantense como excepción. Esta mesma semana, e logo de coñecerse o comunicado emitido pola entidade financeira viguesa onde se confirmaba que o consello de administración ratificaba a vontade de comezar o diálogo oficial coa caixa coruñesa, facía a súa particular análise indicando que o documento significa "que Caixanova vai estudar a absorción de Caixa Galicia".
Este xoves Caballero volvía falar en público sobre o asunto das caixas e subliñaba a súa convicción de que o máis probábel é que a negociación non fructifique e que Caixanova "seguirá soa". O alcalde reclamou unha vez máis a derrogación da lei de caixas, á que se referiu co cualificativo de "lei anti-Vigo" e afirmou que en caso contrario "seguimos sós, que creo que é o que ten máis probabilidades de saír adiante", comentou prognosticando o fracaso da negociación. Por outro lado, Abel Caballero instou a Xunta a explicar "para que son necesarios máis de 2 mil millóns de euros" do FROB para a fusión.
De paso, e no hipotético caso de que a fusión triunfe, sempre "absorción" en palabras de Caballero, o rexedor socialista afirmou que a entidade resultante será presidida polo actual presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, e que Xosé Luís Pego será director xeral da nova caixa ao igual que é agora da entidade do sur. A maiores, sinalou que o equipo directivo resultante incluiría unha decena de representantes de Caixanova fronte a unha minoría de Caixa Galicia.